HOMENAXE A XESÚS SAN LUÍS ROMERO
Evencio Ferrero agarda que Xesús San Luís Romero sirva de inspiración para escribir “moitas páxinas gloriosas” da nosa historia
A Asociación Lumieira e o Concello conmemoraron, xunto con familiares do escritor e alumnado do colexio que leva o seu nome, o centenario da estrea de “O Fidalgo”
Luns 3 de decembro do 2018 Cultura
O nome de Xesús San Luís Romero xa non está só presente no colexio do barrio da Milagrosa e na rúa situada ao seu carón, senón que dende o sábado tamén ocupa un lugar destacado na fachada da casa que o viu nacer fai 146 anos. Aínda que daquel primitivo edificio da rúa da Saúde non queda case nada, a placa de Olería de Buño que descubriron dous dos sobriños-netos do poeta e dramaturgo lembrará para sempre que alí naceu un dos carballeses máis ilustres e un dos autores claves do teatro galego grazas a obras coma “O Fidalgo”. Precisamente, o centenario da publicación e estrea da súa peza máis coñecida serviu de escusa para a homenaxe organizada pola Asociación Cultural Lumieira e o Concello de Carballo.
“O libro dos pobos sempre ten moitas páxinas en branco, e esperemos que a este noso querido Carballo, o pobo que nos viu nacer e onde decidimos vivir, lle queden moitas páxinas gloriosas en branco, e que esas páxinas que se vaian escribindo teñan o esplendor e o lustre que no seu momento lles deu Xesús San Luís Romero”, expresou o alcalde, Evencio Ferrero, quen lembrou tamén que o escritor sempre levou con orgullo o nome do seu pobo.
No acto, moi sinxelo e que congregou a numeroso público na rúa da Saúde, soou a música da Banda Municipal de Gaitas, e soaron tamén ecos do pasado a través da intervención do historiador e cronista “oficioso” de Carballo, como definiu o alcalde a Xan Fraga Rodríguez. Na súa intervención situou histórica, política e intelectualmente a Xesús San Luís Romero, “que pola súa actitude republicana, galeguista e progresista padeceu multas e cárcere, e tamén a censura”, dixo. E rematou con algúns versos “dun dos poemas máis fermosos que nunca se lle dedicou a Bergantiños”, escrito polo autor carballés na emigración.
A súa época en Arxentina, e outros moitos aspectos da súa vida, centraron unha pequena e preciosa dramatización realizada por un grupo de alumnos do colexio Xesús San Luís Romero, que recibiron moitísimos aplausos. E antes de que o Himno do Antigo Reino de Galicia soase para despedir o acto, Lucas e María Eugenia San Luís descubriron a placa conmemorativa e agradeceron cun sinxelo “moitas grazas” o acto de lembranza e recoñecemento ao seu tío-avó.