Cultura

Cultura

- 2024 +
- Marzo +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
cultura@carballo.gal

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO - FIOT

Manuel Lourenzo, Xograr de Outono 2018

Luns 23 de xullo do 2018

Manuel Lourenzo (Foto: Jorge Meis)

Manuel Lourenzo (Foto: Jorge Meis)

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) outorgará na XXVII edición o Xograr de Outono 2018 a Manuel Lourenzo. A entrega do galardón terá lugar ao longo da XXVII edición do festival no mes de outubro.

A elección do galardoado foi adoptada na reunión anual de Xograres e Xograresas do Outono de Teatro, á que asistiron Artur Trillo, Quico Cadaval, Marcelino de Kukas, Eduardo Rodríguez “Tatán”, Susana Dans, Miguel de Lira e Mónica Camaño (desculpando a súa asistencia Celso Parada, Víctor Mosqueira, Cándido Pazó e Paula Carballeira), xunto con membros da organización do festival: Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte; Antón Guitoi, secretario, e Carmen Castro, técnico de Cultura do Concello de Carballo.

Con este premio o FIOT quere recoñecer a un dos principais referentes do teatro en Galicia, o dramaturgo, director, actor, promotor teatral, formador de moitas xeracións de actores... Manuel Lourenzo, unha das persoas imprescindibles para a creación do teatro galego, quen dedicou a súa vida a esta arte.

Traxectoria profesional

A súa intensa, prolífica, creativa e extensa traxectoria profesional, -con máis de 50 anos de percorrido-, dedicouna a múltiples facetas ao redor do teatro. Sendo esencial en Galicia, para o público en Carballo é unha das figuras máis emblemáticas do teatro galego, cunha presenza continua desde as primeiras representacións de teatro galego coas súas diferentes compañías e proxectos e nos últimos anos con Casahamlet que actuou en moitas ocasións na nosa vila. Tamén é un espectador frecuente do FIOT e queremos destacar a súa doazón á Biblioteca Municipal de Rego da Balsa de libros sobre teatro no ano 2014.

Manuel Lourenzo (Ferreira do Valadouro, 1943), licenciado polo Institut del Teatre de Barcelona, comezou a súa andadura no mundo profesional do teatro nos anos 60, coa vontade de impulsar un teatro galego propio, enraizado na nosa cultura. Xogou un papel fundamental  no impulso das artes escénicas en Galicia, fundando compañías, escolas e proxectos teatrais transcendentais para as nosas artes escénicas, como o Grupo de Teatro o Facho creado na Coruña xunto con Francisco Pillado; o Grupo de Teatro Circo cun percorrido que desembocará na fundación da Escola Dramática Galega, a Compañía Teatral Luís Seoane, o Clube de Teatro Elsinor ou a escola, revista e actual compañía, Casahamlet, a cal rexenta dende 1998 xunto con Santiago Fernández. A súa vocación educadora converteuno en mestre de moitas xeracións de actores e actrices.

Manuel Lourenzo é tamén un piar do teatro pola súa obra escrita sendo autor de novela, como O Moucho, ou ensaio como O Teatro Galego, preto de dous centenares de obras dramáticas breves e dunhas 60 obras dramáticas publicadas, dende Romaría ás Covas do Demo (1975), pasando por Veladas indecentes (1996), O circo de medianoite (1997), ou a premiada no 2017 Suite Artabria. Ademais de como dramaturgo, fixo unha importante labor para impulsar o teatro na nosa lingua como tradutor galego de numerosos autores clásicos e contemporáneos do teatro.

A maiores de actor de teatro en numerosas producións da súa compañía e noutras, é moi valorado no sector audiovisual, destacando a interpretación de míticos personaxes da  televisión como Melgacho en Mareas Vivas (1998), ou máis recentemente Terito en Fariña ou participando en longametraxes como Urxa (1989), de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal, Entre Bateas (2001) de Jorge Coira ou O lapis do carpinteiro (2002) de Antón Reixa.

Premios

Polo seu labor como escritor e director teatral recibiu numerosos premios ao longo da súa prolífica traxectoria. Entre outras, recibe: o Premio Abrente (1978), o Premio Nacional de Literatura Dramática (1997) por Veladas indecentes, o Pedrón de Ouro (2001), o Premio Nacional da Cultura Galega en Artes Escénicas ( 2008), o Premio Álvaro Cunqueiro dúas veces (con Flores de Dunsinane que tamén recibe o Premio de Teatro AELG e con Suite Artabra en 2017), o Maruxa Villanueva ou o Otero Pedrayo. Ademais foi nomeado profesor Honoris Causa pola ESAD, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Polo tanto, reúne os méritos que definen e que pretendemos destacar co galardón Xograr de Outono do FIOT, un profesional polifacético, comprometido coa cultura e o teatro galego, transcendental para a o seu nacemento e consolidación, cuxa enorme paixón o levou a ser todo no teatro en Galicia.

Ligazóns

Compartir: