Cultura

Cultura

- 2024 +
- Abril +
L
M
M
X
V
S
D
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
14
15
16
17
18
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
cultura@carballo.gal

A muller e a loita pola igualdade, protagonistas dunha nova edición da Semana do libro e a lectura

Actividades dirixidas aos centros de ensino e abertas ao público en xeral encherán o Pazo da Cultura desde o luns 23 ata o venres 27

Mércores 18 de abril do 2018

Carme Vilariño, Evencio Ferrero e Marcos Trigo presentaron a Semana do libro e a lectura

Carme Vilariño, Evencio Ferrero e Marcos Trigo presentaron a Semana do libro e a lectura

Mulleres de conto é o título da XIII Semana do libro e a lectura de Carballo, unha iniciativa da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e do Concello de Carballo que se celebrará no Pazo da Cultura do 23 ao 27 de abril e que conta co patrocinio da Fundación Luis Calvo Sanz e a colaboración da Editorial Kalandraka.

Coa muller e a loita pola igualdade como protagonistas, durante eses cinco días desenvolveranse, en horario de mañá, de 9.30 a 14.00, as actividades para a promoción da lectura concertadas cos seis centros da vila de educación infantil e primaria máis o CRA Ponte da Pedra e o CPR Artai e o CEIP Canosa-Rus, e en horario de tarde, desde as 18.00, as actividades abertas para todo o público, de entrada libre. Ademais poderán visitarse tres exposicións permanentes: a do material cedido por Kalandraka, a dos traballos realizados polos escolares carballeses e dos libros que prestan as editoriais colaboradoras (Kalandraka, Baía, Cumio, Galaxia, OQO e Xerais). O amplo e divertido programa inclúe teatro, obradoiros de debuxo e de stop motion, espectáculos de maxia, música, contacontos, regueifa ou expresión corporal.

Entre alumnado participante, visitas concertadas e público en xeral, a Semana involucrará a cerca de 3.000 persoas.

ACTIVIDADES CONCERTADAS COS CENTROS DE ENSINO

Luns 23, 1° e 2° EP

  • Aguratrat, da compañía Pérez & Fernández, unha obra de teatro sobre o amor entre persoas maiores e o amor aos animais.
Martes 24, EI
  • Canta connosco, de Migallas Teatro, un espectáculo que mestura música e dramaturxia e que fala do coidado das mascotas, o consumismo na compra de xoguetes ou a lectura como pracer.
Mércores 25, 3°/5° EP
  • Un ronsel de ardora, actividade para dar a coñecer a figura de Ángeles Alvariño, oceanógrafa, zoóloga e profesora galega precursora na investigación oceanográfica mundial.
  • Inclúe Polo correo do vento, un obradoiro de debuxo impartido polos autores Enrique Mauricio e Carlos Taboada
  • Construíndo ilusións, un obradoiro co mago David Méndez para aprender os conceptos fundamentais da maxia e aprender xogos de ilusionismo sinxelos cos que sorprender ás amizades
  • Regueifa 2.0. Educando en igualdade. A regueifeira Alba María aprenderalle aos escolares os mecanismos da rima, métrica e versificación a través desta arte bergantiñá por excelencia.

Xoves 26, 3° EP
  • Rosa non é unha cor... A contadora Cris de Caldas insistirá na igualdade, en que non hai cores nin xoguetes exclusivos para nenos ou para nenas.
  • Animando libros. Iniciación ao stop motion”. Obradoiro impartido por Ceo Aberto para crear unha mini película de animación partindo dalgúns dos libros das exposicións permanentes na Semana.
  • Obradoiro de desprencisamento. Nova Xestión Cultural tamén aposta pola igualdade, porque non todas as nenas queren ser princesas nin todos os nenos queren ser guerreiros: que cada un xogue ao que lle pete! 
Venres 27, 5° EP
  • Xogando co corpo e o maxín. Isa Herrero e Anxo Manoel, de Lucecús Teatro impartirán un obradoiro sobre os fundamentos do teatro empregando dúas das nosas ferramentas máis importantes: o corpo e o maxín.
  • Ás princesas non lles gustan os seus contos, coa escritora Eli Ríos.

TARDES DE CONTOS, MÚSICA E MAXIA

Luns 23

  • Tic Tac Toc, un concerto de Pablo Díaz, con moito pop, rock e folk para xente miúda.
Martes 24
  • A volta ao mundo, coa contadora e actriz Sole Felloza.
Mércores 25
  • Revolución en verso, co alumnado de 5° de EP do Fogar.
  • Maxia de aquí e de acolá, co mago David Méndez.
Xoves 26 
  • Eu conto, ti contas... ELAS contan, onde Cris de Caldas e o público conxugarán o verbo contar para recordar os contos escritos ou ilustrados por mulleres.
Venres 27 
  • Tirando do fío. Fátima Villameá convidaranos a tirar dos fíos das historias.  

PRESENTACIÓN

A XIII Semana do libro e a lectura Mulleres de conto presentouse hoxe no Pazo da Cultura nun acto no que participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e Carmen Vilariño, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega.

Trigo agradeceu “o traballo dos centros de ensino, que ademais aportan as súas propias creacións, e tamén o apoio da Fundación Luis Calvo Sanz, que axuda a que proxectos tan fermosos e tan importantes e que constrúen a sociedade desde abaixo, coma este, teñan maior impulso”.

Antes de debullar o programa da Semana, Vilariño tivo palabras de eloxio para o Concello de Carballo, “por fomentar unha actividade tan importante como o fomento da lectura e do libro entre a xente máis nova”. “A lectura”, engadiu, “é fundamental para o fomento da creatividade; a lectura agudiza o enxeño e o pensamento e, sobre todo, permite soñar”. Vilariño agradeceu especialmente a colaboración das familias, “para as que organizamos as actividades de tarde”, e dos centros de ensino carballeses: “Sen eles non tería moito sentido esta semana do libro e da lectura. Implícanse desde o primeiro momento, levan traballado desde o mes de decembro e iso vese na mostra moi ampla na exposición permanente cos seus traballos, este ano sobre a muller, porque queremos darlle visibilidade ás mulleres”. Nas actividades concertadas cos centros de ensino, explicou, “participan 1.700 nenas e nenos, ás que hai que engadir os 300 cos que temos concertadas visitas ás exposicións; e polas tarde contamos que pasen polo Pazo outro milleiro máis de persoas durante a semana”.

“O profesorado é o gran aliado da difusión desta Semana”, afirmou o alcalde, “porque os profesionais do ensino sabemos que é fundamental que a xente nova teña esa capacidade de soñar e que se eduquen e vaian medrando coa lectura crítica”. “Dentro das necesidades que ten o Concello e a veciñanza está a formación, está a infancia, á que nós témoslle que dar a mellor formación posible”.



Galería

Compartir: