Cultura

Cultura

- 2024 +
- Novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

Arrinca o V Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay coa súa edición máis ambiciosa

A dirección do festival e o Concello destacan a gran repercusión do Interplay, que convirte a vila no "epicentro da cultura dixital"

Luns 2 de abril do 2018 Cultura

María Yáñez, Sonia Méndez, Evencio Ferrero e Xosé Regueira, na presentación

María Yáñez, Sonia Méndez, Evencio Ferrero e Xosé Regueira, na presentación

Esta mañá comezou cun campamento "Kamikaze" en Razo a quinta edición do festival de contidos dixitais máis importante do Estado, o Carballo Interplay, que ofrecerá ata o sábado 7 de abril toda unha panorámica da innovación na rede. Unha completa Sección Oficial con webseries de todo o mundo e un programa de actividades con encontros, obradoiros, concertos, debates ou vídeo conferencias nas que aprender e divertirse arredor dos contidos para Internet compoñen esta entrega do Interplay, que na súa curta vida se ten convertido na cita de referencia para o sector dixital español. Todas as actividades do Carballo Interplay son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo, menos a formación.

O alcalde, Evencio Ferreiro, asegurou na rolda de prensa de lanzamento do festival que "co Interplay, Carballo está no mundo e o mundo está en Carballo", e destacou que o programa do evento é "un latexar de innovación e creatividade" no que a cidadanía pode comprobar como, empregando as ferramentas que nos amosa o Interplay, "se pode chegar a todos os puntos do planeta".

O concelleiro de Promoción Económica de Carballo, Xosé Regueira, abundou na capacidade para "sorprender" que exhibe edición tras edición o Interplay, convertendo a vila no "epicentro da cultura dixital". E salientou, tamén, a perspectiva de xénero que ten o evento, "reivindicando a figura da muller na Historia e visibilizando a súa importancia nun contexto tecnolóxico e innovador". E é que tanto a imaxe gráfica do Interplay como a gala de clausura, que presentará a actriz e cómica Akira Valero co título Mulleres e tecnoloxía: unha unión imposible?, reivindican a figura de mulleres fundamentais para o audiovisual e as invencións técnicas que son habitualmente ignoradas: Hedy Lamarr (precursora da tecnoloxía móbil, GPS e wifi), Ada Lovelace (matemática e escritora británica), Alice Guy (primeira persoa en dirixir un filme de ficción), Ángela Ruiz Robles (inventora do e-book), Delia Derbyshire (pioneira da música electrónica), Margaret Hamilton (científica computacional, matemática e enxeñeira), Radia Perlman (percursora de internet), Mary Allen Wilkes (enxeñeira programadora), Susan Kare (pioneira no deseño de interfaces de usuario) e Agnès Varda (cineasta cunha carreira dende a Nouvelle Vague ata a autoficción dixital).

A presentación tivo lugar hoxe na Casa do Concello

A presentación tivo lugar hoxe na Casa do Concello

A directora do Interplay, Sonia Méndez, recordou que o festival comezou esta mañá co Campamento Kamikaze, para o que se ocuparon todas as prazas e cuxo resultado en forma de webserie poderá verse o mércores ás 20h30 no auditorio do Pazo de Cultura. O día seguinte, xoves 5, Carballo converterase no punto de encontro dos profesionais do ámbito dixital do Estado, no primeiro DÍA PRO da historia do festival. Un espazo profesional pensado para debater e conectar talentos creativos dixitais coas produtoras e medios que apostan polos contidos máis innovadores. Estarán presentes directivos e directivas de PlayZ (RTVE), Flooxer (Atresmedia), MTMAD (Mediaset), CRTVG, Vice, Globomedia, 2btube, Hitsbook ou Infomix, que participarán nun networking con profesionais acreditados no que terán ocasión de coñecer máis de 32 proxectos. "Carballo", recordou Méndez, "fomenta así a relación entre a creatividade e a industria, así como o nacemento de futuros proxectos".

María Yáñez, coordinadora de actividades do Interplay, resaltou que "é posible que do DÍA PRO saian novos proxectos e produtos que agardamos poder presentar en próximas edicións do festival" e puxo en valor a continuidade que o Interplay busca dar ás súas iniciativas destacando o Premio a proxecto de webserie en galego, que o ano pasado gañou Hai vida en Bran?, a webserie de Ángela Andrada cuxa estrea pechará a xornada do xoves, xusto despois de que as propostas finalistas deste ano defendan os seus proxectos. Asimesmo, debullou as claves do programa de actividades, detallando primeiro unha liña centrada no mundo millennial e a influencia do público novo na cultura de internet, destacando a presenza de figuras clave desa xeración (como a guionista e comediante oleirense Percebes y Grelos ou a youtuber e cómica Abi Power) e o debate no que representantes dos medios dixitais máis exitosos do momento explicarán a súa adaptación aos novos modos de consumo. Por outra banda, resaltou a aposta por "contidos enfocados a adolescentes", que ocuparán a mañá do venres cun espírito lúdico pero tamén crítico e formativo para fomentar un uso da rede responsable. Tamén subliñou a atención do Interplay á actualidade no encontro titulado Como petamos as redes con Operación Triunfo: "este ano é inevitable falar de contidos dixitais ou fenómenos transmedia e non falar do referente de Operación Triunfo". Para rematar, reseñou que a variedade do programa conecta os contidos dixitais co humor (coa presenza do polifacético Carlo Padial, que presentará o seu show Guasa & Melanco) e coa música (co Código Fonte Audiovisual de Carlangas, de Novedades Carminha, ou os concertos de MounQup e IGMIG).



Galería

Compartir: