Cultura

Cultura

- 2024 +
- Marzo +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
cultura@carballo.gal

O FIOT abre por primeira vez un ciclo de microteatro coa estrea absoluta de “In Memoriam”

A Rúa dos Contos pecha a súa XIX edición con 4 espectáculos o venres 6 e o sábado 7 de outubro.

Xoves 5 de outubro do 2017

Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo abre, por primeira vez, un ciclo de espectáculos de 10 ou 20 minutos representados en espazos non teatrais denominado “Certame de Microteatro Metro Cadrado (M²)”.

Este teatro sen barreiras e artificios, que se desenvolve nun metro cadrado en espazos domésticos como unha zapataría, uns aseos públicos, unha papelaría ou a mesma rúa, iniciarase o sábado 7 de outubro ás 13 h (haberá tres pases máis na mesma xornada) coa estrea absoluta de “In Memoriam”, unha performance de Roberto Alvite e Rebeca Amor.

O domingo 8 o grupo especializado en microteatro Entretés representará na rúa “Areas do deserto”, unha peza artística na que a música en directo será a gran protagonista.

Nas próximas fins de semana continuarán os espectáculos desta nova experiencia para o público do festival, que poderá vivir intensamente, mirando aos ollos a actores e compañías emerxentes. As seis obras do certame foron escollidas entre pretos de 50 propostas, e finalmente serán premiadas a partir da valoración do público.

Estrea de “Hamlet entre todos”

Fiel ao espírito participativo desta edición, o Ciclo OTNI estrea en Galicia “Hamlet entre todos, da compañía madrileña [Los números imaginarios]. Trátase dunha obra moi peculiar, cunha duración de catro horas e na que parte dos 80 espectadores poderán asumir roles durante a función e aos que se lles ofrecerá sobremesas e bebidas alcohólicas.
 
Trátase dunha unha experiencia inmersiva única (sábado 7 de outubro ás 19 h), na que é preciso a colaboración do público para construír o mundo de Hamlet, percorrendo as súas emocións apoiadas por cancións interpretadas en directo.

Godot, o pallaso que conquista Europa

O venres 6 ás 20.30 h, o Teatro de Rúa volta á Praza do Concello da man de Godot, artista que é a revelación do clown portugués e que está conquistando Europa co seu traballo de exploración do pallaso contemporáneo, do teatro físico e e das artes de rúa.

Premiado en diversos festivais e admirado polo propio Cirque du Soleil, Godot presenta “Lullaby”, un espectáculo dinámico con participación directa do público e que constitúe unha performance moi cómica e provocadora que presenta a un pallaso transgresor e a un clown de rasgos modernos.

Rúa dos Contos

Esta fin de semana a Rúa dos Contos pecha a súa XIX edición con catro espectáculos. O venres 6 de outubro (22 h no Mesón A Cabaña), Alberte Montes demostra que a baixa autoestima dos galegos non é crónica en “Galego pode selo calquera”. Ás 23.30 h, na Cafetaría Valle Inclán, a emoción e a risa serán os elementos do insólito recital “Cría fama e bótate a correr” de Aldaolado.

O sábado 7 de outubro o trío composto por Oswaldo Digón, Pedro Brandariz e Víctor Grande levan o seu concurso “Improvisar e gañar!” ao Bulevar musicafé (22 h), no que nin eles nin os espectadores saben o que sucederá. Na Cervexaría Dublín (00 h), Os Fillos do Estramonio interpretarán clásico do rock & roll con letras adaptadas ao galego no seu espectáculo Rock&Risa.

Escola do Espectador á hora do vermú

Este sábado 7 de outubro volve a Escola do Espectador, pero con cambios. Cada sábado ás 13 h, no momento do vermú, o crítico e xornalista cultural Camilo Franco fará unha crítica en directo, que servirá de base para interactuar co público. Esta fin de semana será o turno de A Barra Bar, que se alternará cada sábado coa Cafetaría Valle Inclán ata a última sesión o 28 de outubro. Camilo Franco considera moi “axeitada a escolla deste novo escenario, dado que, segundo el, “as melloras cousas acontecen en dous sitios: nos teatros e nos bares”.

Compartir: