Cultura

Cultura

- 2019 +
- Novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
4
5
6
7
8
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
cultura@carballo.gal

“Primavera enDanza” achega a danza contemporánea aos escolares con obradoiros nos colexios carballeses

Entre o martes e o xoves desenvolveranse 7 talleres dirixidos por Las Tricotouses, e o venres a compañía de Nuria Sotelo presentará o seu espectáculo no IES Alfredo Brañas

Venres 14 de abril do 2017

Primavera enDanza é moito máis que un festival de danza. Cunha traxectoria de 15 anos pode considerarse o festival decano de Galicia. Pero ademais é un dos motivos polos que o noso concello está á vangarda da programación cultural. De feito, malia tratarse dunha disciplina minoritaria, en Carballo a danza conta xa cun público fiel, e dende a Concellaría de Cultura intentamos que siga medrando con iniciativas como os obradoiros que se desenvolverán a vindeira semana nos colexios.

Nenas e nenos dos centros A Cristina, Xesús San Luís Romero, Canosa-Rus, Artai, Nétoma-Razo, Gándara-Sofán e Fogar participarán entre o martes 18 e o xoves 20 nos talleres de danza contemporánea que impartirá a compañía Las Tricotouses. O espectáculo “Emoticores”, que ofrecerán o domingo 23, inclúe tamén unha parte pedagóxica que se desenvolverá nas aulas. “A través de dinámicas grupais, de traballo co corpo e a creatividade, valéndonos da psicoloxía e a meditación, axudaremos aos alumn@s a identificar e xestionar as propias emocións, proporcionando tamén ferramentas e orientación aos profesores sobre como abordar o traballo emocional en clase”, explican Cristina Montero e Rut Balbís, Las Tricotouses.

"Ensaio amor", da compañía de Nuria Sotelo

Por outra banda, a compañía de Nuria Sotelo presentará o seu espectáculo Ensaio amor no IES Alfredo Brañas, o venres 21 ás 13 horas. Ensaio amor, precisamente, abrirá ese mesmo día ás 21 horas o ciclo de espectáculos que se desenvolverán no auditorio do Pazo da Cultura. A compañía galega presentará unha peza para adultos na que, a través da música, a plasticidade dos corpos, a danza e as palabras, aborda o universo feminino e a complicidade dunha nai e a súa filla. O domingo 23 de abril, ás 18.00, ‘Primavera en danza’ achégase a toda a familia (maiores de 8 anos), con outra compañía galega, Las tricotouses, que ofrecerá en Emoticores unha proposta de carácter pedagóxico e cunha unha estética accesible, moi visual e atractiva para os cativos.

O venres 28, ás 21.00, será a quenda para a última compañía galega no programa, a de Ánxela Blanco, que bailará Ulises e a nena durmida, un espectáculo inspirado no poema épico A odisea, reinterpretando, por medio dunha unión única de corpos, voces e potentes imaxes que engancha ao espectador, o regreso a casa de Ulises tras a Guerra de Troia.

"Oskara", da compañía vasca Kukai Dantza Banaketa

A estrela do ciclo é, sen dúbida, Oskara, da compañía vasca Kukai Dantza Banaketa. Temos a sorte de poder ver no Pazo, o domingo 7 de maio, ás 21.00, unha montaxe de danza contemporánea única que opta a oito Premios Max das Artes Escénicas e varias veces galardoada en diferentes festivais, creada por dous grandes bailaríns e coreógrafos da escena actual, Jon Maya (Kukai) e Marcos Morau (La Veronal). Oskara, homenaxe á cultura vasca ancestral,  móvese entre a raíz máis popular e expresión máis vangardista e debuxa un percorrido plástico e emocional de símbolos e iconografía desconcertante.

Reserva de entradas

As persoas interesadas xa poden reservar as súas entradas nas oficinas da Concellaría de Cultura, situadas no Pazo da Cultura, ou chamando ao número de teléfono 981 704 300 (máximo 4 por persoa). O día de cada espectáculo o despacho de billetes abrirase hora e media antes do inicio de cada actuación. Os estudantes con carné de estudante, os maiores de 60 anos e os menores de 12 terán desconto no prezo.

Compartir: