Ludoteca
- Rúa Desiderio Varela, s/n. 15100 - Carballo
- T. 981 757 362
Horario:
- De luns a venres de 17.30 a 19.30 horas (En períodos vacacionais pode ampliarse)

A Ludoteca Municipal de Carballo é un espazo deseñado para o goce dos máis cativos e cativas xunto coas súas familias, ao tempo que se procura unha inmersión no idioma da nosa terra, o galego.
O edificio conta con varias salas adaptadas ás necesidades dos meniños e meniñas. Nada máis entrar podedes atopar unha sala con mesas onde pintar, debuxar ou deixar fluír a creatividade en papel; ademais tamén existen varios estantes ateigados de libros con idades recomendadas para deixar voar a imaxinación e somerxerse no mundo literario: viaxes a illas de fantasía; volta no tempo á era dos dinosauros; visitas guiadas polos Bolechas… e moitas historias máis.
Tamén hai habilitada unha sala chea de xoguetes, puzzles e outros compañeiros de xogos cos cales inventar diferentes situacións para divertirse e pasar o tempo. Por último, está a disposición dos veciños e veciñas unha sala chea de xogos de mesa, cos cales se pode “crebar a cabeza”, competir debuxando, botar unha partida ao catro en raia ou axilizar a memoria con xogos de cartas.