Inicio Áreas Educación Conservatorio Novas A Big Band abriu o programa de...

A Big Band abriu o programa de concertos conmemorativos do 30º aniversario do CMUS

O alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Carballo tamén iniciará mañá un ciclo de actuacións polos centros sociais das parroquias

Mércores 29 de xaneiro do 2020

Un concerto da Big Band abriu o programa conmemorativo do 30º aniversario do Conservatorio Profesional de Música de Carballo, que está a vivir un curso moi especial. O alumnado de Javier Bardanca, ao que se sumaron algúns/has colaboradores/as, interpretou un repertorio moi variado e animado, que incluíu clásicos do xénero como “Oye como va”, bandas sonoras como “Star Wars” ou “Pink Panther” ou auténticos himnos como “Imagine”. E ademais houbo actuacións sorpresas, como a interpretación de “Habana” que fixo Inés Bardanca por partida dobre, porque volveu a cantala nos bises, ou a de “Purple Rain” que nos ofreceu Samuel Quiroga, que, ademais de tocar o piano, púxolle voz (vozarrón) ao coñecido tema de Prince.

Entre o entregadísimo público, formado na súa maioría por familiares e compañeiros/as dos/as músicos/as, tamén se atopaba o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que procura non perderse as actuacións das agrupacións do CMUS.

A de onte foi a primeira de moitas que se sucederán ao longo de todo o curso. Mañá, de feito, arrinca en Sofán un ciclo de concertos do alumnado do Conservatorio nos centros sociais das parroquias. Ata Sofán desprazaranse un grupo de alumnos/as de saxo e clarinete para ofrecer un concerto ás 20.00 horas.

A seguinte parada será o 12 de febreiro, á mesma hora, en Verdillo, nesta ocasión con viola e violín. En Ardaña, o 1 de abril, actuarán estudantes de guitarra, neste caso ás 18.00 horas. Abril será un mes de moita actividade, xa que o día 3 a Banda estará no centro social de Cances ás 20.00 horas, e o 23 á mesma hora haberá unha actuación e violoncello e acordeón en Imende. Ata Oza desprazaranse o 12 de maio ás 18.00 horas, alumnos e alumnas de percusión, frauta, piano e iniciación musical. Falta por fixar a data do concerto de Bértoa, que coincidirá coa inauguración do novo centro social.

Compartir: