Inicio Áreas Educación Conservatorio Novas O Conservatorio Profesional de...

30º ANIVERSARIO DO CMUS

O Conservatorio Profesional de Música iniciará o día 30 un ciclo de concertos nos centros sociais das parroquias

O programa conmemorativo arrinca hoxe coa actuación do alumnado de frauta no auditorio do Pazo da Cultura

Mércores 22 de xaneiro do 2020

O Conservatorio Profesional de Música de Carballo celebra este curso o seu 30º aniversario coa intención de abrir o centro aínda máis á cidadanía. Con esa finalidade, o día 30 arrincará un ciclo de concertos nas parroquias. De aquí a finais de curso o alumnado do CMUS pasará polos centros sociais de Sofán, Verdillo, Ardaña, Cances, Imende-Noicela, Oza e Bértoa para ofrecer á veciñanza unha mostra da aprendizaxe dos 201 alumnos e alumnas que ten este ano.

Ata o centro social de Sofán desprazaranse o vindeiro día 30 un grupo de alumnos/as de saxo e clarinete para ofrecer un concerto ás 20.00 horas. A seguinte parada será o 12 de febreiro, á mesma hora, en Verdillo, nesta ocasión con viola e violín. En Ardaña, o 1 de abril, actuarán estudantes de guitarra, neste caso ás 18.00 horas. Abril será un mes de moita actividade, xa que o día 3 a Banda estará no centro social de Cances ás 20.00 horas, e o 23 á mesma hora haberá unha actuación e violoncello e acordeón en Imende. Ata Oza desprazaranse o 12 de maio ás 18.00 horas, alumnos e alumnas de percusión, frauta, piano e iniciación musical. Falta por fixar a data do concerto de Bértoa, que coincidirá coa inauguración do novo centro social.

Ademais da ruta polas parroquias, o alumnado do CMUS tamén ofrecerá este curso numerosas actuacións no auditorio do Pazo da Cultura, a primeira, hoxe mesmo ás 20.00 horas, a cargo de estudantes de frauta. Unha conferencia sobre os 30 anos de historia do CMUS e unha semana musical, entre outras actividades, completarán o programa do aniversario.

Compartir: