Inicio Áreas Educación Conservatorio Novas O CMUS celebra o Ano Europeo do...

AS ACTIVIDADES ESTÉNDENSE DESDE HOXE ATA O XOVES

O CMUS celebra o Ano Europeo do Patrimonio Cultural cunha xornada de música en distintos espazos urbanos

Alumnado e agrupacións do conservatorio actuarán mañá mércores no palco do Parque do Anllóns, o Casino e a Praza do Concello

Martes 8 de maio do 2018

O 2018 é o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, que ten como obxectivo animar á cidadanía a descubrir e comprometerse co patrimonio cultural europeo e a reforzar o sentimento de pertenza a un espazo europeo común. Co lema O noso patrimonio: onde o pasado atópase co futuro vanse desenvolver en todo o continente infinidade de actividades. E en Carballo, tamén. Por iniciativa do Conservatorio Profesional de Música, e coincidindo co Día de Europa, mañá, 9 de maio, o alumnado do CMUS cambiará as aulas do Pazo da Cultura por distintos espazos urbanos e converterá a música no patrimonio de todos os carballeses e a carballesas.

A programación comezará no palco da música do Parque do Anllóns, onde actuarán a Orquestra Infantil de Cámara e a Banda Infantil de Música a partir das 17.00 horas. Unha hora máis tarde a música soará no Casino, coa actuación do alumnado de piano e guitarra. E a partir das 19.00 horas será a quenda da Praza do Concello, onde escoitaremos ás agrupacións de cámara, a Orquestra Xuvenil de Corda, o Coro do CMUS e a Big Band de Jazz.

O cuarteto CatroCores xa actuou no Pazo da Cultura na inauguración do curso

O cuarteto CatroCores xa actuou no Pazo da Cultura na inauguración do curso

Con este tipo de eventos trátase de que a cidadanía se achegue ao patrimonio cultural propio e a comprometerse activamente con el. Por iso, a celebración non se limita a unha única xornada. Hoxe mesmo, de feito, teremos a primeira cita co noso patrimonio musical no concerto de clarinetes que ofrecerán hoxe á 20.00 horas, no auditorio do Pazo da Cultura, 36 nenas e nenos dos conservatorios de Carballo e A Coruña, que participan esta semana nun intercambio musical.

E o xoves seguirá soando a música a partir das 19 horas, porque volveremos a ter en Carballo ao cuarteto de trompistas CatroCores, integrado por catro trompistas galegas que desde o ano 2016 traballan para dar a coñecer distintos etilos musicais adaptados ou compostos para este conxunto instrumental tan pouco común, ao tempo que xogan co abano de cores que ofrece un instrumento coma a trompa. No repertorio que nos teñen preparado figuran Shaw, Weber, Brahms ou John Williams.

Compartir: