Inicio Áreas Cultura Axenda Pregón do San Xoán a...

Pregón do San Xoán a cargo de Sonia Méndez

Venres 21 de xuño do 2019 21:00 horas - Praza do Concello

Sonia Méndez Alonso (Vigo 1980) é actriz, guionista, produtora e directora audiovisual e, o próximo día 21, será tamén a pregoeira do San Xoán 2019. Pese á súa curta idade, esta viguesa de nacemento e coruñesa de adopción, conta cunha longa traxectoria profesional ás súas costas e un currículo de vertixe que non para de medrar e sumar novos e importantes recoñecementos, un dos últimos a dirección da gala dos XVII Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual o pasado mes de abril. 

A súa relación con Carballo xurdíu, como ela mesma di "dunha desas marabillosas casualidades da vida", ao acompañar hai anos a unha amiga que pintou o primeiro mural da nosa vila, antes de que existira o festival de arte pública Rexenera Fest. Namorouse do noso concello e, tras recibir unha proposta de traballo para a realización dun evento audiovisual, decidíu que Carballo era o lugar idóneo para poñer en marcha o primeiro festival de webseries de España: o Carballo Interplay, do que ela é directora e que este ano acadou xa a súa sexta edición paseando o nome do noso municipio polas principais cidades do mundo e converténdonos, ano tras ano, na capital mundial da industria dos contidos dixitais.  

Ademais de participar en series tan coñecidas como "Terras de Miranda", "Serramoura" ou "Cuéntame" e en películas como "El sexo de los ángeles" ou "Una mujer invisible", lanzouse á dirección audiovisual, onde está a recadar grandes éxitos con cinco curtametraxes xa no mercado e a estrea da súa primeira serie dixital para a plataforma Playz.

Bombas de palenque e concerto da Banda do Conservatorio

Aínda que a lectura do pregón marcará o inicio das festas de San Xoán 2019, o "pistoletazo" de saída arrincará a primeira hora da mañá co tradicional disparo das bombas de palenque, previsto para as 12:00 horas, e un pasarrúas a cargo do grupo de gaiteiros de Cances. Xusto antes da intervención de Sonia Méndez, a banda de Música do Conservatorio Profesional de Música de Carballo ofrecerá un concerto na Praza do Concello para desfrute do público alí congregado. Será ás 20:30 horas. Agardámosvos!

Compartir: