Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

A campaña de educación sexual do Concello de Carballo chega ao centro de saúde e á zona de ocio nocturno

Este venres instalaremos na rúa Estrela un stand informativo no que tamén se repartirá material de protección

Xoves 10 de febreiro do 2022 Benestar

Matronas de Carballo, co material da campaña

Matronas de Carballo, co material da campaña

A campaña de educación sexual que estamos a desenvolver nos tres institutos de Secundaria de Carballo sae das aulas. Grazas á colaboración do equipo de matronas do centro de saúde, o material informativo e de protección elaborado polo Concello tamén será distribuído entre as usuarias do servizo sanitario.

A iniciativa partiu do propio persoal sanitario, que non só considera moi necesario achegar información profesional á mocidade, senón que tamén valorou de xeito moi positivo os contidos e os obxectivos da campaña. Dende as concellarías de Mocidade, Sanidade e Educación queremos expresar o noso agradecemento e ofrecernos a ampliar esa colaboración co obxectivo de abordar do mellor xeito posible os problemas que afectan aos mozos e mozas na súa relación co sexo.

Ao mesmo tempo que se desenvolven as sesións nas aulas por parte do equipo de Hadriana Ordóñez, psicóloga clínica especialista en sexoloxía, cunha ampla experiencia neste tipo de iniciativas, e que agora contamos tamén co apoio das matronas do centro de saúde, a campaña de educación sexual chegará esta fin de semana a outro dos lugares de concentración da mocidade: a zona de ocio nocturno.

Este venres 11 de febreiro, a partir das 23.00 horas, instalaremos un stand na zona dos Baños Vellos nos que se ofrecerá información e tamén material de protección aos mozos e mozas. O posto estará atendido por tres profesionais con formación específica en igualdade e violencia de xénero, que resolverán todo tipo de dúbidas. Ao mesmo tempo, co lema “Necesitas motivos para usar condón?” realizaremos un reparto de paquetiños compostos por un preservativo, unha toalliña de hixiene íntima e un pequeno folleto no que se explican as vantaxes deste método de prevención das enfermidades de transmisión sexual e dos embarazos non desexados.

Segundo un informe de Save the children, o 46,1% de adolescentes non usa sempre métodos de protección, e o 13,7% non o fai nunca ou case nunca. Nos últimos tempos, de feito, tense detectado un preocupante incremento das enfermidades de transmisión sexual entre adolescentes e mocidade.

Compartir: