Concello de Carballo

Logotipo Concello de Carballo

Actualidade

PROXECCIÓN DA PELÍCULA: O 8 DE MARZO NO FÓRUM CARBALLO

Carballo conmemora o Día Internacional da Muller cunha serie de charlas e a celebración dun Cinefórum

Carballo conmemora o Día Internacional da Muller cunha serie de charlas e a celebración dun Cinefórum

05/03/2013 A Concellaría de Igualdade e Benestar, a través do Centro de Información á Muller (CIM) conmemora o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a través dun ciclo de ponencias que se desenvolven durante todo o mes. Profesionais de distintos ámbitos informan ás mulleres acerca de temas xurídicos, sociais, psicolóxicos, de saúde, de resolución de conflitos, de relacións paterno filiais, de economía doméstica, etc. A cita é todos os xoves de 10.00 a 13.30 horas no Pazo da Cultura (Rúa do Pan, s/n). Nestas ponencias participan as profesionais do CIM de Carballo e a Educadora Familiar. Haberá dous grupos de 20 mulleres. Por outra banda, o mesmo día 8 de marzo o Fórum Carballo (situado na Praza dos Bombeiros Voluntarios, s/n - barrio da Milagrosa) acolle un Cinefórum coa película "Globos de agua" (2006), unha curtametraxe de ficción sobre conciliación laboral e familiar producida polo proxecto europeo Equal Camp de Túria Concilia. A través dunha historia de ficción, aínda que moi real, Fernando Canet reflicte a necesidade que teñen todas as persoas de conciliar a súa vida laboral coa familiar e persoal. A sesión ten lugar de 10.00 a 13.30 horas. Esta actividade está aberta a calquera persoa que queira participar, e consiste na proxección da película e un debate a continuación dirixido por unha profesional da Asociación Faraxa que colabora neste acto.

O día 8 de marzo, Día Internacional da Muller, é unha data recoñecida polas Nacións Unidas. Neste día se lembra a loita da muller pola súa participación en prol da igualdade có home, na sociedade e na súa realización integral como persoa. A idea xurdiu ao final do século XIX en plena revolución industrial e tralo auxe do movemento obreiro. A comezos do século, moitas mulleres se incorporaron ao traballo nas fábricas nunhas condicións moi duras: longas xornadas laborais e salarios inferiores aos dos homes. A medida que as mulleres se incorporaban ao mundo laboral, era máis evidente que aquela situación non era xusta, e pouco a pouco, fóronse organizando. Desde eses primeiros anos, a celebración adquiriu unha nova dimensión mundial para as mulleres dos países desenvolvemento e dos que están en vías de desenvolvemento. O crecente movemento internacional da muller, reforzado polas Nacións Unidas mediante catro conferencias mundiais sobre a muller, contribuíu a que este día sexa un punto de converxencia das actividades coordinadas en favor dos dereitos da muller e a súa participación na vida política e económica. O Día Internacional da Muller e cada vez máis unha ocasión para reflexionar sobre os avances conseguidos, esixir cambios e celebrar os actos de valor e decisión de mulleres comúns que teñen desempeñado unha función extraordinaria. Aínda nos queda moito por acadar en canto as diferenzas salariais e polo que se refire aos postos de responsabilidade. A loita das mulleres continúa a prol de acadar a igualdade.

Os interesados e interesadas tamén poden descargar a Declaración Institucional do Concello de Carballo con motivo da celebración deste día nesta mesma nova.

Volver


© Concello de Carballo, 2009