Concello de Carballo

Logotipo Concello de Carballo

Actualidade

REXISTRADAS PRETO DE 4.000 VISITAS NA WEB MUNICIPAL

Presentadas máis de 250 alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) dende o comezo do período de exposición pública

Presentadas máis de 250 alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) dende o comezo do período de exposición pública

27/02/2013 Despois de que teña transcorrido pouco máis dun mes dende o comezo do período de exposición pública do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo -coa publicación no DOG o 22 de xaneiro de 2013-, xa se teñen presentado un total de 255 alegacións ao documento, segundo datos do Rexistro de Entrada a 27 de febreiro de 2013. Por outra banda, a través da web municipal -e segundo cifras da mesma data- téñense contabilizado un total de 3.917 visitas de 1.969 direccións web diferentes nos 34 días que o documento leva exposto ao público. Destas visitas, en xaneiro rexistráronse 2.144, mentres que no mes de febreiro que está a piques de rematar xa houbo 1.773. No que respecta aos visitantes, dos 1.969, un total de 1.016 rexistráronse en xaneiro e 953 en febreiro. Así, aínda que o documento xa leva a disposición de todos os veciños e veciñas máis dun mes, o goteo de persoas solicitando información, xa sexa no Fórum Carballo (edificio onde se poden realizar as consultas de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas, e martes e xoves de 17.00 a 20.00 horas) ou a través da web municipal continúa a ser constante. Hai que lembrar que os interesados e interesadas aínda poden formular as alegacións que consideren pertinentes para a defensa dos seus intereses, até o 22 de marzo de 2013.

Continuando coas estatísticas reflectidas a través da web municipal, os tomos máis demandados continúan a ser tanto o VII.b. que contén os planos de ordenación para os núcleos rurais, como o V., o referido aos planos de información urbanística. Como curiosidade, hai que mencionar que a duración media das visitas dos usuarios e usuarias da web é duns 10 minutos e que as nacionalidades dos interesados e interesadas en consultar o planeamento seguen a ser variadas con visitas dende Holanda, Alemania, EE.UU, Kuwait, China, Xapón, Rusia, Francia ou Suiza. En concreto, en EE.UU. os usuarios e usuarias conectan dende estados como New Jersey, Los Ángeles, Washington ou Texas. O día no que se rexistran máis consultas son os luns, mentres que a maioría delas prodúcense entre as 10.00 e as 20.00 horas. No que respecta ás consultas en persoa, tamén hai que lembrar que houbo unha rolda de 13 xuntanzas en distintos puntos das parroquias carballesas para estender a información do PXOM a todo o municipio. Arredor de 1.100 persoas asistiron a estas reunións cos técnicos e representantes do goberno local. No caso de presentarse alegacións, dende a Oficina Técnica pregan aos interesados e interesadas que acheguen o plano da parcela sobre planos do PXOM e/ou do Catastro, localizándoa mediante unha trama e a súa referencia catastral.

Os interesados e interesadas poden consultar e/ou descargar todos os tomos coa documentación completa do PXOM nunha ligazón nesta mesma nova, así como o modelo de presentación de alegacións e a publicación do anuncio no DOG.

Volver


© Concello de Carballo, 2009