26/02/2013 A corporación vén de celebrar a sesión ordinaria correspondente ao mes de febreiro na que saíron adiante varias mocións relativas a diferentes asuntos e na que a maioría dos puntos foron aprobados por unanimidade en pouco menos de media hora. Así, recibiron luz verde dúas mocións co visto e prace de todos os grupos. A primeira, que quedara sobre da mesa no pleno anterior, plasma o apoio dos concelleiros aos afectados polas participacións preferentes e obrigas subordinadas, moitos deles presentes no salón de plenos da Casa do Concello. No texto, ínstase á Xunta de Galicia a que se dirixa aos distintos organismos e autoridades políticas e monetarias competentes e que se adopten as modificacións legais oportunas para, no caso das comercializacións indebidas destes produtos híbridos, eliminar as quitas e evitar que se realicen canxes por outro tipo de produto financeiro que non poida ter liquidez a curto prazo ou poida supoñer perda no valor nominal dos títulos dos seus produtos; e tamén que se manteña, axilice e reforce o sistema de arbitraxe. A segunda moción unánime esixe o mantemento de Carballo como base do Grumir (Grupo Municipal de Intervención Rápida). Así, solicítaselle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a inclusión do municipio como base de atención na nova distribución dos servizos de emerxencias.
Por último, pero neste caso só co apoio de PSOE, TEGA e BNG, aprobouse unha moción que solicita ao Goberno Galego e ao Goberno do estado español que se manteña o financiamento e recursos para as universidades públicas sen mingua algunha nos orzamentos xerais de ámbalas dúas administracións, considerando que a educación superior, a investigación o desenvolvemento e a innovación en materia educativa non deben ser considerados gastos senón investimentos imprescindibles cara ao futuro da nosa sociedade. Fóra do apartado de mocións, a sesión supuxo a modificación, coas abstencións de PP e TEGA, da Ordenanza reguladora dos servizos do Programa Concilia e dos seus prezos públicos, adaptando o texto aos novos criterios recollidos pola Xunta de Galicia. No caso de Carballo, as cotas establecidas son de 51 euros ao mes para o servizo, de atención de 7.30 a 10.00 horas, e de 67 euros no caso de que se inclúa o almorzo. Por días soltos, o prezo é de 3,40 euros, 4,30 con almorzo. Porén, ningún dos usuarios e usuarias abona a totalidade do custo, xa que o Concello carballés asume o 35 por cento do gasto derivado. Ademais, poden aplicarse reducións dependendo da situación familiar, dos ingresos da unidade familiar, da situación laboral, etc. que permiten rebaixas de ata un 50 por cento. No que respecta a asuntos económicos, aprobouse por unanimidade a conta de recadación de 2012, de 8.534.517,80 euros. No exercicio 2012 puxéronse ao cobro preto de 70.000 recibos, 50.000 a través do pagamento en portelo. Esta actividade supuxo unha media de 625 recibos cobrados ao día.Conmemoración do Día da Muller Traballadora
Buscador:
© Concello de Carballo, 2009