Concello de Carballo

Logotipo Concello de Carballo

Actualidade

LUNS 6, MARTES 7 E MÉRCORES 8 DE AGOSTO

A parroquia de Sofán estrea a súa nova Praza pública coa celebración das festas de San Salvador

A parroquia de Sofán estrea a súa nova Praza pública coa celebración das festas de San Salvador

06/08/2012 A parroquia de Sofán estrea a súa nova Praza pública situada no adro da Igrexa coa celebración das festas do seu patrón, San Salvador, que teñen lugar entre o luns 6 e o mércores 8 de agosto. Este novo espazo de lecer xa ten acollido varias celebracións dende o seu remate, a mediados de xuño, como a celebración das festas do Corpus coa procesión e a elaboración da alfombra floral. Porén, as festas máis importantes da parroquia serven como improvisada inauguración para esta praza, de máis de 900 metros cadrados, na que durante estes días pasarán orquestras como Ciclón, Madeira, Panorama, Metrópolis, Diamante, Palladium ou incluso a disco móbil Factory. O fútbol, as exhibicións de bailes de salón, a caza ou o Día do neno tamén forman parte do programa. As obras comezaron a principios de 2012 da man da empresa adxudicataria, Decoraciones J. Bello, que asumiu o proxecto por un importe de 160.219 euros. Este proxecto estivo incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal da Deputación da Coruña (POS) de 2011, do que xa están rematadas todas as actuacións, un total de catro, que supuxeron a mellora de vías e a creación de redes de saneamento.

Aínda que os traballos estiveron rematados dende mediados de xuño, aínda que restaban pequenos detalles, como a eliminación do tendido eléctrico aéreo e dun poste da luz e a instalación do novo alumeado, que se ultimaron no mes de xullo. Hai que lembrar que a proposta para a creación dunha praza pública en Sofán xurdiu despois da aprobación dunha iniciativa veciñal da Asociación de Veciños San Salvador de Sofán no pleno da corporación a finais do ano 2009. Foi a primeira, e até o de agora única vez en que se empregou este mecanismo, recollido no Regulamento de Participación Cidadá. A través da iniciativa estipulouse que o financiamento da adquisición dunha parcela para a construción do novo espazo, valorada nuns 80.000 euros, estaría repartida a partes iguais entre o Concello e a Asociación, con 40.000 euros cada parte. A veciñanza dispuxo dun tempo para conseguir recadar o importe, con contribucións dos veciños e veciñas dun mínimo de 50 euros. Una vez adquirida a parcela, o Concello asumiu a elaboración do proxecto de remodelación a través do POS (que incluíu o soterramento do alumeado, a mellora do firme, a inclusión de bancadas e novos puntos de luz, a plantación de árbores, etc.), así como a execución que vén de rematarse.

Volver


© Concello de Carballo, 2009