03/08/2012 O Concello, a través da Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas, e da de Medio Ambiente que dirixe Marcos Trigo, informa de que se están realizando nestes momentos os labores de desbroce das vías e a limpeza de beirarrúas do municipio, sobrepasándose nestes momentos o ecuador dos traballos, seguindo unha ruta que inclúe todas as parroquias de Carballo. Comezouse no casco urbano e arredores, onde xa se rematou, e nestes momentos xa se finalizou tamén en parroquias como Rus, Ardaña, Aldemunde, Razo, Lema ou Sofán, entre outros puntos. Hai dous tractores realizando o desbroce, estando o primeiro deles -contratado ex profeso para este labor- casi rematando a limpeza en Oza e principiando en Cances, mentres que o da Brigada de Obras xa está en Bértoa. Hai que lembrar que o Concello carballés realiza cada ano traballos de mantemento das vías, beirarrúas e espazos públicos na tempada de verán en todos os puntos do municipio. Respecto dos labores da Brigada de obras, hai que mencionar que tamén son os responsables de atender as demandas dos veciños e veciñas, que no que vai de ano ascenden a un total de 768. A maioría delas refírense a arranxos no alumeado público, con un total de 362. No que vai de período estival, nos meses de xuño e xullo téñense rexistrado 178 avisos, cun lixeiro descenso respecto de meses anteriores.
A segunda petición máis demandada polos carballeses e carballesas está relacionada co programa Carballo Limpo, con 307 avisos no que vai de ano e 64 no que levamos de verán. Carballo Limpo comprende diversas accións destinadas a conservar o medio ambiente grazas á colaboración da veciñanza, e dentro das súas funcións inclúense, por exemplo, os labores de desratización ou os de mantemento dos colectores de recollida de lixo e de recollida selectiva. Inclúe, así mesmo, os servizos do Punto Limpo e o Punto Limpo Móbil, ademais da recollida de cartón pregado a pé de porta. Outras peticións dos veciños e veciñas durante o ano 2012 céntranse en arranxos e melloras nos servizos de auga, luz ou teléfono (62), en arranxos no sistema viario (26), no deterioro de equipamentos e mobiliario urbano municipal (7) e nos erros ou deterioro nos sinais informativos e de tráfico (4 avisos). Por parroquias, séguese a tendencia habitual pola que a capital municipal acapara a maioría das demandas, seguida de Sofán e Rus. Onde se teñen rexistrado menos é en Goiáns, Vilela e Aldemunde. Os veciños e veciñas poden denunciar as deficiencias ou demandar os arranxos que consideren oportunos a través do número de teléfono 981 704 700 ou ben no correo electrónico <infocarballo@carballo.org>.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009