09/07/2012 A nave 1 do Fórum Carballo acolle a partires do martes 10 de xullo e até o venres 13 o II Curso de Verán da Universidade da Coruña (UDC) "A evolución do turismo no marco da sociedade global: retos para a súa planificación e xestión", dándolle así continuidade á colaboración existente entre a Universidade e o Concello de Carballo, unha colaboración que principiou hai cinco anos coa celebracion na vila do Curso de Verán sobre Normalización Lingüística, que este ano tamén visita Carballo. A iniciativa busca formar tanto a empresarios como a estudantes no campo do turismo, xa que é necesaria a permanente e constante actualización de profesionais que saiban como planificar os nosos recursos e servizos para construír produtos turísticos atractivos, como sector clave no desenvolvemento socioeconómico da zona. O curso está especialmente dirixido a alumnado da UDC ou a titulados en Turismo, ADE, Economía, Xeografía, Historia, Socioloxía, etc., así como a profesionais do turismo, tanto dende o punto de vista da planificación e xestión de destinos, como das empresas relacionadas coa investigación do mercado, marketing, servizos de consultoría, axencias de viaxes, etc. As persoas interesadas aínda poden inscribirse até o luns 9 de xullo ás 14.00 horas na páxina web da UDC (<www.udc.es/occ>), ou no teléfono 981 167 000; extensión: 1963.
O turismo é considerado como unha actividade de múltiples dimensións (económica, política, antropolóxica, social, tecnolóxica, ambiental, cultural etc.), que ten un grande impacto sobre os diferentes niveis organizativos tanto públicos como privados, individuais e colectivos, de todas as rexións do mundo. Aínda que Galicia e España sigan sendo destinos punteiros a escala mundial, no sector do turismo cómpre a permanente e constante actualización de profesionais para que repercutan no desenvolvemento socioeconómico sustentable das áreas receptoras. Para este fin, ofrécese un programa formativo en que se analiza a transformación que está a sufrir o sistema turístico no contexto da globalización e da crise económica actual, así como as tendencias, as oportunidades, os retos e as dificultades a que se enfronta este sector, indicando tres elementos básicos: a innovación e o uso das TIC, a calidade en todas as actividades e o desenvolvemento socioeconómico sustentable. Para iso, o Fórum Carballo comeza unha intensa programación de conferencias e mesas redondas que principia o martes 10 ás 9.30 horas e que conta con expertos de toda Galicia, da Costa da Morte (coa presenza de Aptcm) e do mesmo Carballo. O venres 13, a actividade complétase co desenvolvemento dunha actividade de ocio que poden escoller os participantes no curso: bautismo de golf no Pitch&Putt, rutas a cabalo, tamén no Pitch&Putt, ou hidromasaxe e piscina termal no Balneario de Carballo.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009