Concello de Carballo

Logotipo Concello de Carballo

Actualidade

CURSO "ESTRATEXIAS CIDADÁS PARA OS TEMPOS DA CRISE"

O alumnado de arquitectura da UDC propón unha transformación de Carballo apoiándose nas zonas verdes e na creatividade

O alumnado de arquitectura da UDC propón unha transformación de Carballo apoiándose nas zonas verdes e na creatividade

06/07/2012 Máis de 35 alumnos e alumnas da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSA) da Universidade da Coruña (UDC) estiveron analizando o casco urbano carballés durante a última semana co obxecto de propoñer solucións para mellorar a capital municipal no marco do curso "Estratexias cidadás para os tempos da crise". Divididos en seis grupos, non só recibiron unha serie de conferencias sobre socioloxía, economía, arte, paisaxe, medios produtivos e arquitectura, senón que realizaron un interesante traballo de campo movéndose pola vila e intercambiando impresións cos veciños e veciñas para ofrecer propostas e solucións que se plasmaron en forma de conclusións en outros seis traballos: "Invasión", "Carballando", "Espazos mixtos", "Quedamos na lembranza", "Ocúpame" e "Outra realidade". Así, analizáronse seis zonas de Carballo que xiran arredor das principais vías que atravesan a vila, con atención ao eixo Carballo-A Coruña, Carballo-Fisterra, Carballo-Santiago, Carballo-Malpica, e ao centro carballés, que se dividiu en dúas zonas nas contornas do Xardín Municipal e do Pazo da Cultura. Cristóbal Crespo, profesor da ETSA e coordinador do curso subliñou que a experiencia serviu para que xurdiran "oportunidades divertidas" para transformar Carballo nunha vila "diferente e orixinal" e con propostas concretas que poden servir para converter no futuro as eivas do casco urbano "en espazos de oportunidade".

As propostas do alumnado tamén tiveron en conta a premisa de contar cun orzamento axustado, adaptándose á crise económica. Entre elas, a maioría mantén a idea de incrementar os espazos verdes da vila, non necesariamente creando novos parques, senón integrando os existentes na contorna, ou creando xardíns verticais que oculten os edificios a medio terminar ou as mazás incompletas que proliferan no casco urbano. A plantación de árbores ou a inclusión de plantas sería unha constante para humanizar a vila e mellorar os espazos de lecer. Outra das ideas máis repetidas durante as conclusións foi a de darlle vida ás traseiras das vivendas que quedan á vista, ben con murais pictóricos, máis ou menos artísticos, ou plasmando imaxes antigas de Carballo, para lembrar algunhas das fotografías máis emblemáticas da vila. A conexión entre os espazos e o aproveitamento dos solares baleiros enchéndoos de actividades deportivas ou culturais foron outras das suxestións.

No plano das propostas concretas, algunhas chamaron especialmente a atención. Así, por exemplo "Quedamos na lembranza" propón a creación na contorna do San Cristovo dunha especie de "paseo da fama" de persoeiros coñecidos da vila, coa inclusión de imaxes en metacrilato que provocarían o recordo da historia do pobo. En "Outra realidade", unha das ideas máis orixinais propón a creación dunha liña de metro ficticia con varias paradas nas principais rúas do centro carballés, para darlle vida a espazos baleiros e para dotar á vila dun elemento único e cheo de personalidade. Cada parada estaría caracterizada con imaxes ou elementos propios e diferenciadores. Creatividade, imaxinación e a vocación de converter os erros do planeamento carballés nunha oportunidade para crear "optimismo e autoestima", en verbas de Cristóbal Crespo, dous elementos que, en última instancia, incluso poderían contribuír á creación de riqueza. Ao remate da exposición das conclusións, os participantes recibiron os seus diplomas (na imaxe) e participaron nuns pinchos da man de Conservas Calvo, patrocinador do curso.

Volver


© Concello de Carballo, 2009