03/07/2012 A sesión plenaria extraordinaria celebrada o luns 2 de xullo supuxo a aprobación por unanimidade dos membros da corporación de tres mocións, unha presentada na pasada sesión polo PSOE e agora asumida de forma conxunta por todos os grupos políticos con representación, e outras dúas do PP. Entre estas últimas encóntrase unha proposta que solicita a mellora da travesía de Bértoa, con especial atención á seguridade vial e ao pintado dos pasos de peóns na AC-552 Carballo-A Coruña. A moción tamén suxire a elaboración por parte do Concello dun proxecto técnico de mellora da seguridade viaria e de dotación de servizos, beirarrúas e iluminación. O Concello ten elaborado dende o ano 2004 un proxecto para a mellora da travesía de Bértoa que ascende a 1,3 millóns de euros e o goberno local espera que o organismo titular da vía, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, asuma o seu arranxo e mellora. Co apoio de todos os concelleiros saíu tamén adiante a proposta conxunta para solicitar que non se modifiquen as plantas e as taxas xudiciais e evitar un prexuízo para veciños e veciñas. O texto insta ao Goberno de España para que non dea validez algunha á proposta de reforma da planta elaborada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, mantendo as demarcacións que existen na actualidade.
Así coa nova planta xudicial a demarcación carballesa pasaría a formar parte da planta da Coruña xunto coa de Betanzos, co conseguinte prexuízo para profesionais e veciñanza do municipio. Tamén insta ao Goberno para que retire o Anteproxecto de Reforma das taxas xudiciais, e para que reforme a Lei 37/2011, de 10 de outubro, de Medidas de Axilización procesal, no sentido de volver ao sistema anterior no que se refire á contía dos recursos de apelación e casación e en materia de costas no proceso contencioso-administrativo, para favorecer que a cidadanía teña acceso á defensa universal. Por último, saíu adiante por unanimidade, despois da inclusión dunha enmenda, unha moción do PP para instar ao Padroado Deportivo Municipal a que avalíe as circunstancias nas que se podería modificar a idade na que se poden manter os fillos/as dos abonados/as como beneficiarios do abono familiar, mentres non teñan ingresos por atoparse en situación de desemprego ou por continuar os seus estudos.Taxas do Conservatorio e Comisión de Investigación
O pleno tamén supuxo a modificación da Ordenanza fiscal nº 18: Taxas do Conservatorio Profesional de Música co apoio do PSOE e o BNG. O cambio supón un incremento nos abonos de matrícula co obxectivo de reducir o déficit do organismo nestes momentos, que ascende a 200.000 euros derivados dos gastos de mantemento. O Concello incluirá Conservatorio a partir de agora nas bolsas de estudo que concede a administración local, ás que tan só poderán optar aqueles alumnos e alumnas do municipio, dado que o centro conta con estudantes carballeses, pero tamén cunha importante porcentaxe de alumnado doutros concellos, especialmente en Grao Profesional. As taxas serían, para grao elemental: 285 euros para o curso completo; 50 euros para as probas de acceso; e 70 euros para materias pendentes. Para Grao Profesional serían: 335 euros para o curso completo en 1º e 2º curso, 385 euros en 3º e 4º e 440 euros para 5º e 6º curso; 80 euros para as probas de acceso; e unha taxa de 100 euros para materias pendentes.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009