Concello de Carballo

Logotipo Concello de Carballo

Actualidade

O FÓRUM ACOLLE ATÉ O VENRES 6 UN CURSO DE VERÁN DA UDC

Alumnos e alumnas de arquitectura estudan Carballo para reflexionar sobre "Estratexias cidadás para os tempos da crise"

Alumnos e alumnas de arquitectura estudan Carballo para reflexionar sobre "Estratexias cidadás para os tempos da crise"

02/07/2012 Máis de 35 alumnos e alumnas da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSA) da Universidade da Coruña (UDC) reflexionan sobre a forma de "mellorar Carballo", en verbas do profesor da ETSA Cristóbal Crespo, analizando a vila a través da arquitectura, pero tamén a través doutras disciplinas para tentar "propoñer unha reconversión de espazos" e mellorar o "crecemento desordenado" da capital municipal. Así resume Crespo os obxectivos do curso de verán da UDC "Estratexias cidadás para os tempos da crise", que se desenvolve no auditorio da nave 1 do Fórum Carballo e que tamén percorrerá as rúas de Carballo até o venres 6 de xullo. O Alcalde, Evencio Ferrero, lembra que nos últimos meses se veñen realizando estudos e propostas sobre a vila grazas a un acordo coa ETSA para que "durante un curso académico se fixeran reflexións sobre este Concello no que eliximos vivir", ademais de ser un exercicio interesante para "unha xeración que vimos ir caendo un a un todos os símbolos de Carballo", alomenos no que a urbanismo se refire. Ferrero doulles a benvida aos estudantes e desexou "que se saquen conclusións importantes e útiles para a sociedade nun momento coma este, que nos tocou vivir e padecer". Hai que subliñar que, ademais de centrarse nas conferencias, o curso inclúe traballo de campo e a presentación dunhas conclusións como peche.

O curso "Estratexias cidadás para os tempos da crise" ten como punto de partida a recente etapa de desenvolvemento económico, que levou consigo unha importante polarización da inversión arredor do sector da edificación e da obra civil, un fenómeno asumido socialmente ata o punto de incorporarse tópicos á linguaxe cotiá como "o boom do ladrillo" ou "a burbulla inmobiliaria". A brusca interrupción desta situación de crecemento e a inmersión nunha crise de dimensións internacionais, deixaron en múltiples ocasións unha paisaxe urbana a medio definir, con importantes perdas do patrimonio histórico, estruturas abandonadas, expectativas frustradas, vivendas baleiras, paixases rurais invadidas, etc., no contexto dun plantexamento das ferramentas legais urbanísticas que foron incapaces de responder e adaptarse ás previsións e á axilidade das operacións urbanas. Por desgraza, Carballo axústase a moitas destas premisas, como reflectiron o arquitecto municipal Alfredo Garrote, e a profesora da ETSA, Mónica Mesejo, na segunda conferencia do curso. "Estratexias cidadáns para os tempos da crise" pretende reflexionar sobre as estratexias a seguir para reconducir a forma e a vida urbanas a partir da situación presente.

Esta reconducción realizaríase a través da xestión ambiental e social, da arquitectura e da paisaxe urbana, e contando coa intervención directa dos cidadáns. A aproximación á problemática formúlase dende diferentes disciplinas: socioloxía, economía, arte, paisaxe, medios produtivos e arquitectura. Por iso, as conferencias céntranse en cada un destes aspectos. Pero o curso non se queda na teoría e inclúe traballo de campo, constituíndose cinco grupos de traballo de 4-8 alumnos/as que abordarán as seguintes temáticas: as zonas inacabadas da cidade; os bordes e as discontinuidades da trama; a percepción da cidade dende o propio casco urbano; a percepción da cidade dende as súas vías de acceso; e a recuperación dos espazos libres: espazo público e autoestima colectiva. Cada grupo, coa axuda dos coordinadores que se lles asignen, realizará a toma de datos e a redacción da proposta en cada unha das zonas de Carballo, dacordo co plan de traballo exposto, estudando algún destes temas que poderá ser plasmado de forma diversa: maquetas, debuxos, fotomontaxes, etc.

Os interesados e interesadas en consultar o programa ao completo, poden facelo nunha ligazón nesta mesma nova.

Volver


© Concello de Carballo, 2009