29/07/2010 O palco da Praza do Concello acolle o venres 30 de xullo ás 22.30 horas a presentación do quinto traballo de Berrogüetto, 'Kosmogonías', nunha das citas máis importantes incluídas no Verán Cultural 2010. Berrogüetto é un dos grupos galegos de música folk máis prestixiosos e con maior repercusión a nivel internacional. Con este disco, de novo, o grupo introduce matices de innovación e experimentación na música tradicional galega, utilizando como argumento a reflexión sobre a relación da humanidade co universo. Unha chamada optimista cara a consecución dun sistema máis xusto. Por primeira vez, nos seus quince anos de traxectoria, editan un álbum con voz masculina, a de Xabier Díaz, novo integrante da formación desde o ano 2008, que describe 'Kosmogonías' "unha pequena reflexión de mirar ao ceo para darnos conta do minúsculos que somos". Ademais, atopamos colaboracións nas letras de Manuel Rivas e Rosa Aneiros. Este espectáculo, gratuíto, conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
En 'Kosmogonías', Berrogüetto lévanos ao momento de partida por excelencia, ao Big-Bang, ao triunfo da materia sobre a anti materia, ao berro inicial do universo que coa súa radiación chega ata nós. É unha reflexión entre a humanidade e o universo, unha chamada chea de optimismo cara a consecución dun sistema de organización máis xusto. Berrogüetto párase e destaca todas aquelas vontades colectivas ou individuais que cos seus xestos e actitudes traballan para mellorar a súa contorna. Composto por once cancións, Kosmogonías mantén o estilo tan persoal e definido por Berrogüetto desde os seus comezos. Innovadores desde o primeiro traballo, este quinto disco supón unha colección de sons orgánicos, un traballo delicado onde se plasma a alma do grupo a través da súa especial concepción musical. En Kosmogonías achamos dúas novidades importantes: a aposta de Berrogüetto por unha voz solista masculina, feito pouco común entre os grupos galegos; e intégrase tamén a nickelharpa, un instrumento de corda, orixinario do folclore sueco e similar en aspecto a unha zanfona.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009