27/07/2010 A corporación vén de sacar adiante na sesión plenaria ordinaria do mes de xullo a aprobación inicial da Ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial que na sesión de xuño quedou sobre da mesa para que os grupos da oposición puidesen examinala en profundidade e realizar propostas. O obxectivo desta normativa é o de "regular e compatibilizar os distintos usos da vía pública no casco urbano carballés para darlle máis fluidez á circulación e mellorar a seguridade", en verbas do Concelleiro de Tráfico, Benedito Viña. O pleno deu luz verde a un conxunto de emendas presentadas polo Goberno en nome de todos os grupos da corporación, despois dunha reunión en pasados días da xunta de voceiros municipais. A ordenanza consta de 80 artigos e un anexo onde se recolle o cadro de sancións, que coincide punto por punto co cadro da Lei de Seguridade Vial e inclúe directrices de comportamento para os peóns, as bicicletas e ciclomotores, ademais doutros vehículos a motor, así como os límites de velocidade vixentes no casco urbano.
O pleno tamén aprobou a terceira fase do traslado provisional dos postos do mercado municipal de abastos. Esta medida afecta a once postos que están nestes momentos na planta alta do edificio e que volverían a ocupar os postos exteriores. Este cambio está previsto que teña lugar arredor do mes de setembro. Trátase do terceiro traslado que sofren os postos debido aos traballos de remodelación integral, despois do inicial que fixo que os concesionarios dos postos exteriores se mudasen á segunda planta para permitir o desenvolvemento das obras; e dun segundo que facilitou o traslado dos postos da primeira planta á planta baixa, onde permanecen nestes momentos. No apartado económico, inclúese unha modificación orzamentaria, mediante suplemento de crédito, do orzamento do Padroado Deportivo Municipal. Así, incorpórase á totalidade o remanente líquido de tesourería, que chega aos 49.662 euros. Este importe destinarase a reparacións, á adquisición de maquinaria ou mobles, a limpeza, a equipos informáticos ou á formación de monitores, entre outros.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009