Concello de Carballo

Logotipo Concello de Carballo

Actualidade

FINS DE SEMANA DE 13.00 A 15.00 E DE 20.00 A 22.00 HORAS

Aberto o prazo para participar na II Ruta do Pincho de Verán, que ten lugar entre o 7 e o 29 de agosto

Aberto o prazo para participar na II Ruta do Pincho de Verán, que ten lugar entre o 7 e o 29 de agosto

21/07/2010 O Concello de Carballo, a través da Concellería de Promoción Económica que dirixe Xosé Manuel García Guillín, convoca aos locais hostaleiros a participar na II Ruta do Pincho de Verán, co obxecto de promocionar os establecementos do núcleo urbano, así como os produtos típicos da zona. Poderán participar todos aqueles establecementos, restaurantes e bares situados na capital municipal carballesa. A ruta terá lugar os sábados e domingos, entre os días 7 e 29 de agosto, en horario de sábados e domingos de 13.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 22.00 horas. Os establecementos interesados deberán presentar a súa solicitude na Oficina de Información Turística situada no Museo de Bergantiños antes das 20.00 horas do día 28 de xullo de 2010. Os establecementos servirán as tapas de xeito gratuíto con cada consumición.

Segundo se especifica nas bases, os pinchos serán necesariamente de elaboración propia e só se admitirán as receitas que se poidan servir ou elaborar como tapa. Deberán realizarse receitas temáticas e creativas e cunha presentación coidada. Cada establecemento colaborador presentará un pincho distinto cada día de celebración do evento, e deberá entregar ao Concello, de forma previa ao inicio da ruta, a listaxe dos pinchos participantes, así coma publicar no propio local, cada día da ruta, o pincho do día. Os clientes participantes na II Ruta do Pincho de Verán poderán, como en edicións anteriores das rutas, participar no sorteo de dous premios, aínda sen especificar. Hai que lembrar que a iniciativa das Rutas do Pincho están incluídas dentro das actividades dos Feiróns de Tempada, neste caso no Feirón de Verán que ten lugar o domingo 29 de agosto.

Os locais hostaleiros de Carballo teñen acollido até o momento dúas Rutas do Pincho, o pasado verán coa primeira e logo en inverno, nas que teñen participado 16 locais no primeiro caso e 11 no segundo. O obxectivo desta iniciativa é a promoción dos establecementos hostaleiros, pero tamén dos diferentes Feiróns de Tempada e os produtos da terra, xa que é unha actividade ligada ás feiras dos quintos domingos de mes. Respecto dos Feiróns de Tempada, celébranse dende o ano 2008 cando o Concello, en colaboración cos diversos sectores empresariais da zona, decidiu promover os catro Feiróns que se celebran ao longo do ano, que xeralmente coinciden coas estacións de Primavera, Verán, Outono e Inverno. Así, coincidindo co mercado dos quintos domingos de mes, os visitantes poden coñecer a oferta agroforestal, comercial e industrial das empresas do municipio e desfrutar dela.

Os interesados e interesadas en consultar as bases da II Ruta do Pincho de Verán, poden descargalas en pdf nesta mesma nova, así como a folla de solicitude. Máis información na Oficina de Información Turística do Museo de Bergantiños, no 981 702 077 ou no correo electrónico <museo@carballo.org>.

Volver


© Concello de Carballo, 2009