Concello de Carballo

Logotipo Concello de Carballo

Actualidade

2º E 3º PREMIO: TRANSFORMACIONES BERGANTIÑOS E IMPERIO DAMA

A consultora Nor Data Solutions SL, galardoada co 1º Premio Carballo Emprende a Ideas Empresariais

A consultora Nor Data Solutions SL, galardoada co 1º Premio Carballo Emprende a Ideas Empresariais

21/05/2010 Nor Data Solutions SL, empresa dedicada á consultoría en materia de protección de datos e informática, ten sido galardoada co 1º Premio Carballo Emprende 2010 na categoría de Ideas Empresariais. Esta firma é unha das 15 que exercen a súa actividade dende o Viveiro de Empresas, e ten sido distinguida por ser a única deste tipo que exerce a súa actividade dende Carballo. O 2º Premio recaeu en Transformaciones Bergantiños SL, dedicada á adaptación de vehículos industriais como ambulancias ou coches de autoescola. O 3º Premio foi para Imperio Dama SL (Cervecería Imperio) do sector da hostalería. O xurado valorou a súa innovación no sector, creando un espazo con diferentes ambientes que inclúe unha área de xogos para os cativos e cativas. A dotacion económica dos premios é de 1.200, 1.000 e 800 euros, respectivamente. Así mesmo, a Cámara de Comercio da Coruña contribuirá á concesión dun ano de estadía gratuíta no Viveiro de Empresas de Bértoa para un dos emprendedores. Na categoría de Fomento da Emprendeduría, o galardón foi a parar ao Centro Comercial Aberto-CCA Carballo, cunha dotación de 1.000 euros.

Os premios teñen sido presentados polo Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, e entregados por Gonzalo Ortiz Amor, Director Xeral da Cámara da Coruña; e por Evencio Ferrero, Alcalde de Carballo. Estes últimos subliñaron na clausura das Xornadas Carballo Emprende a importancia de contribuír á creación de novos negocios en tempos de crise. Ortiz Amor reflexionou sobre a situación financeira actual, que dificulta a concesión de créditos para levar a cabo novos proxectos e resaltou a importancia de crear iniciativas que faciliten a emprendeduría. O Alcalde desexou que sigan xurdindo novos proxectos que contribúan a que a ampliación do Polígono de Bértoa, a piques de inaugurarse, se encha con novos proxectos e empresas. Pero antes da clausura, Jesús Ferradás González, presidente de Optimer e Consultor ESIC, afondou aínda máis nas claves da situación económica actual coa ponencia "As decisións críticas na empresa en tempos de crise". Nela, instou aos emprendedores a que non se acomoden en modelos de negocio obsoletos e que afronten con novos azos a conxuntura financeira, sen renderse e preparándose para innovar.

Na súa conferencia explicou que a crise non é de custos, senón de ventas, polo que as empresas necesitan incrementar o seu volume de operacións. Recomendou ofrecer unha nova perspectiva, eliminando todo aquilo que non sexa produtivo, e remarcou a necesidade de enfocar ben calquera negocio, definindo o perfil do cliente pero sen rebaixar os prezos. Así, a clave é atopar o 'target' axeitado cambiando os modelos de organización "adaptando a estratexia empresarial á nova realidade económica". Para sobrevivir á crise, engade, é importante apostar pola creatividade, actuando con prudencia pero sen quedarse parados. Por outro lado, animou ás empresas a contar cun plan de negocio ou folla de ruta que lles permita atraer clientes e manter prezos. "Non temos sido prudentes e non temos feito os deberes. Limitámonos a presumir dunha bonanza económica que se sabía que era sobredimensionada", puntualizou. Segundo o experto, as claves para que unha Peme sobreviva no novo escenario son: fixar un obxectivo claro, desinvestir no que non funciona, investir en ventas e rodearse dun equipo de calidade.

Volver


© Concello de Carballo, 2009