09/02/2010 O Concello de Carballo, en colaboración coa Xunta de Galicia e a Asociación Mulleralia, ten posto en marcha un Banco do Tempo Municipal, un servizo que funciona dende hai uns meses e que está situado no primeiro andar do Museo de Bergantiños da capital municipal. Un Banco do Tempo é un espazo concibido para impulsar e favorecer os intercambios de tempos entre as persoas, apoiando a cooperación informal entre particulares para o desenvolvemento de diversas actividades nun determinado contorno. Así, unha persoa deposita unas horas de tempo ofrecendo un servizo informal que quere dar e, a cambio, pode pedir tempo a outras persoas para algunhas necesidades súas do día a día. As horas nin se compran, nin se venden, só se intercambian. Os interesados e interesadas en obter máis información poden chamar ao teléfono 622 566 228. O horario de atención das oficinas é de luns a venres de 9.30 a 13.30 horas.
Nun Banco do Tempo todas as habilidades teñen o mesmo valor, é dicir, todo vale o tempo que se tarda en facer una actividade, con independencia da actividade que sexa. O Banco do Tempo encárgase de poñer en contacto ás persoas participantes para que poidan realizar os intercambios. Principalmente, o obxectivo deste servizo é a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, e aproveitar o tempo libre para realizar actividades que, doutra forma, non se farían, mellorándose, así, a calidade de vida dos veciños e veciñas. En resumo: o Banco do Tempo pretende promover o intercambio gratuíto de servizos entre as persoas de calquera idade, sexo ou nacionalidade dando a oportunidade para que as veciñas e os veciños do Concello se coñezan e confíen nos demais para poder resolver necesidades da vida diaria.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009