05/03/2009 Xestur mantén aberto o proceso para a adxudicación de parcelas da primeira fase de ampliación -de 718.482 metros cadrados- do parque empresarial carballés de Bértoa. Os terreos, propiedade de Xestur Coruña SA, están divididos en 147 parcelas con superficies que van dende os 600 metros cadrados ata os 32.000 metros. O uso destas parcelas será industrial de primeira, industrial ou terciario, sendo a maioría para uso industrial e o seu tamaño medio de entre 2.000 e 4.000 metros cadrados. Os interesados en presentar as solicitudes poden facelo nas oficinas de Xestur Coruña na Ronda de Nelle da capital provincial.
Respecto aos prezos das parcelas, o Consello de Administración de Xestur acordou o día 31 de marzo, en resposta a unha solicitude presentada polo Concello de Carballo, flexibilizar as condicións de pagamento para que os empresarios/as poidan pagar o 10 por cento do prezo de custo no momento da compra, o 30 por cento en 2010 e o 60 por cento restante no momento en que se formalice a escritura da propiedade. O obxectivo do Concello é acadar as facilidades necesarias para que a ocupación do parque empresarial sexa do cen por cen nun prazo de cinco anos. Tamén se acordou que o custo dos terreos no polígono de Bértoa se axuste ao custe final do investimento, nunca superior aos 80 euros por metro cadrado de media.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009