19/02/2007 O Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo chega neste ano á súa terceira edición. O certame, que outorga un primeiro premio de 1.000 euros e un segundo de 350, realízase desde 2005 e en colaboración con oito medios de comunicación escritos, que publicarán os dous artigos gañadores. Esta iniciativa convócaa a Concellaría de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística, desde o Servizo de Normalización Lingüística municipal do Concello de Carballo, entidade comprometida coa dinamización social do uso do galego, e busca os obxectivos de promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e de crear espazos nos xornais para analizar esta situación.
O certame recompensa a redacción de artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa defensa e promoción da lingua galega, co seu estatus, con propostas ou análises sobre o proceso de normalización lingüística nalgún sector ou ámbito determinado, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, etc. Os artigos presentados deberán ter entre 3.500 e 4.500 caracteres con espazos incluídos. Con este premio colaboran oitos medios de comunicación escrita en papel e electrónicos, que publicarán os artigos gañadores. Estes son A Nosa Terra (semanal), A Peneira (quincenal), Diario de Bergantiños (diario), Galicia Hoxe (diario), La Opinión de A Coruña (diario), La Voz de Galicia (edición Carballo, diario), Tempos Novos (revista mensual) e Vieiros (xornal dixital).Buscador:
© Concello de Carballo, 2009