10:00 Persoal sanitario do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) desprázase ata a Praza do Concello de Carballo para realizar unha campaña de doazón. A Unidade Móbil estará estacionada en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas o venres 5 de marzo e de 10.00 a 15.00 horas o sábado 6 de marzo. O Goberno local anima aos veciños e veciñas a que participen nesta campaña do CTG.
11:30 A Casa do Concello acolle a presentación en rolda de prensa das actividades que se desenvolverán na Feira das Oportunidades que terá lugar os días 13 e 14 de marzo nunha carpa situada no San Martiño. Está prevista a presenza na rolda de prensa do Alcalde, Evencio Ferrero; do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín; e da xerente do Centro Comercial Aberto Carballo, María del Carmen Freire. A partires das 11.30 horas.
12:00 O Concello convoca unha rolda de prensa para presentar os datos e conclusións do barómetro administrativo municipal. A cita é na Casa Consistorial a partires das 12.00 horas. Está prevista a asistencia do Alcalde, Evencio Ferrero, e do Tenente de Alcalde, José Antonio Viña.

18:00 A artista carballesa María José Costa Valiña, 'Chiña', emprende a a súa primeira exposición, composta por 24 obras, e titulada 'Incursión ao sutil'. Trátase duna escolma que, segundo a propia artista, amosa "unha paisaxe interior" e que está chea de intimismo. Chiña emprega para soltar a súa creatividade técnicas tan variadas como o óleo, o acrílico, a acuarela ou a técnica mixta. A mostra pode visitarse no andar -1 do Pazo da Cultura até o 4 de abril, en horario de 18.00 a 21.00 horas. Para obter máis información, premer aquí.

21:00 O cantautor de Fene Roger de Flor presenta no Pazo da Cultura o seu último traballo 'Naturalidad silvestre'. Nel ofrece, na súa maioría, composicións de estilos como o swing pop, o country ou a balada, sempre cun toque humorístico e persoal. A cita, incluída no programa dos Venres Culturais, é ás 21.00 horas. O prezo da entrada é de 3 euros; 2 con desconto. A duración prevista do espectáculo é dunha hora. Para obter máis información, premer aquí.
© Concello de Carballo, 2009