Concello de Carballo

Logotipo Concello de Carballo

Avisos

NO MOSTRADOR DE ATENCIÓN AO PÚBLICO DO 1º ANDAR OU NO 981 704 100

As nais e pais interesados/as en que os seus fillos/as participen no programa de "Camiños escolares" deben dirixirse ao Concello

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Seguridade que dirixe Xosé Regueira, informa de que as nais e pais que estean interesados en que os seus cativos e cativas participen no programa de "Camiños escolares" do municipio deben dirixirse ao mostrador de atención ao público do 1º andar da Casa Consistorial (Praza do Concello, s/n) ou ben chamar ao 981 704 100 e preguntar pola extensión 2218. Deben facilitar o seu nome e apelidos, un teléfono ou correo electrónico de contacto, o enderezo dende o cal o seu fillo ou filla partiría no camiño escolar, e o centro de ensino no que estuda. O programa de "Camiños escolares" do Concello de Carballo é unha iniciativa para avanzar nunha alternativa de mobilidade para o alumnado dos colexios do casco urbano carballés, creando rutas peonís de acceso aos centros de ensino nas que os cativos e cativas teñan contacto directo coas nenas e os nenos da súa contorna cotiá, o seu barrio e as súas xentes. Deste xeito camiñan a diario e así mesmo contribúese a solucionar os problemas de tráfico que se rexistran de cotío nos accesos aos colexios da capital municipal.

QUENDA DO 14 AO 24 DE XULLO

Resultado do sorteo de prazas para participar nos Campamentos Deportivos da Deputación 2013

O Concello de Carballo fai público o resultado do sorteo de prazas para participar nos Campamentos Deportivos da Deputación 2013. O organismo provincial reserva un total de 16 prazas para o concello, que serán ocupadas na súa totalidade xa que se teñen presentado 35 solicitudes. Os non admitidos pasan a ocupar praza en listaxe de espera segundo o número obtido durante o sorteo. Será a Deputación da Coruña quen estableza a adminisión definitiva nas actividades dos Campamentos segundo os criterios que establece. A cota de inscrición para a realización da actividade é de 85 euros que se ingresarán nunha conta da Deputación da Coruña. A quenda que lle corresponde ao Concello de Carballo é a quenda número 3, entre o 14 e o 20 de xullo. As actividades deportivas preferentes que se desenvolverán durante os Campamentos son equitación, multiaventura, voleipraia, fútbol 7, baloncesto, piragüismo, tenis, capoeira, etc. Tamén está previsto realizar visitas culturais guiadas por puntos de interese da Coruña e arredores. Os interesados e interesadas poden descargar neste mesmo aviso o tríptico informativo da actividade en pdf.

HORARIO: LUNS A PARTIR DO 20 DE MAIO DE 10.00 A 11.30 HORAS

O departamento de Servizos Sociais, a Xunta e Adafad organizan un taller do programa "En familia todos contan" no que participan cinco parellas carballesas

A Asociación Adafad (Asociación de Axuda a Familias de Drogodependentes) organiza coa colaboración do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Carballo e a Consellería de Sanidade un taller do programa "En familia todos contan" e no que participan cinco parellas de Carballo seleccionadas polos Servizos Sociais. O obradoiro comeza o luns 20 de maio en horario de 10.00 a 11.30 horas nas instalacións do Pazo da Cultura e desenvolverase durante un total de cinco luns consecutivos. Estará impartido pola psicóloga Montserrat Cerviño e conta para o seu desenvolvemento coa colaboración da Consellería de Sanidade, a Xunta de Galicia, e o Concello de Carballo.

NA WEB CHAMPIONCHIPNORTE.COM

Aberto entre o 1 de maio e o 10 de xuño o prazo para inscribirse na III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo

Cartel
O Concello de Carballo, a través do Padroado Deportivo Municipal, organiza a III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo que ten lugar o domingo 16 de xuño de 2013. Trátase dunha proba oficial da Federación Galega de Atletismo (FGA) cunha distancia homologada de 10.000 metros, e baixo o control técnico do Comité de Xuíces da FGA. Na III Carreira Popular "10 Km Concello de Carballo", pode participar toda persoa nada nas datas correspondentes por categoría, estea ou non federada, ate un máximo de 1.000 inscritos. As inscricións son gratuítas e poden realizarse a través da páxina web www.championchipnorte.com, onde pode obterse o regulamento da proba. O prazo para anotarse transcorre entre o mércores 1 de maio e o luns 10 de xuño de 2013. Máis información, premendo aquí.

MÁIS INFORMACIÓN NO DEPARTAMENTO DE SERVIZOS SOCIAIS

O Concello informa de que está aberto o prazo até o 27 de maio para solicitar as axudas do Cheque Infantil

O Concello de Carballo informa de que a Xunta de Galicia vén de publicar a orde pola que se regulan as axudas económicas para atención da primeira infancia en Escolas Infantís de 0 a 3 anos non sostidas con fondos públicos a través do programa Cheque infantil, e se procede á súa convocatoria. A axuda consiste nunha cantidade para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil non sostida con fondos públicos, ás persoas solicitantes con nenas/os entre 0 e 3 anos a cargo, por un período máximo de 11 meses. A contía da axuda estará en función da renda per cápita da unidade familiar, non podendo superar en ningún caso o custo da praza. As solicitudes, xunto coa documentación requirida, deberán ser dirixidas á xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde teña o seu domicilio a/o solicitante e presentaranse nos rexistros da Xunta de Galicia. Así mesmo, tamén poderán presentala en formato electrónico a través da sede da Xunta de Galicia no enderezo: <https://sede.xunta.es>. O prazo de presentación de solicitudes de axuda será dun mes desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (até o 27 de maio). Os interesados e interesadas en obter máis información, poden facelo consultando a publicación no DOG neste mesmo aviso.

MÁIS INFORMACIÓN NO DEPARTAMENTO DE SERVIZOS SOCIAIS

Aberto até o 30 de maio o prazo para solicitar as "Estadías de tempo libre para mulleres que teñan fillos/as exclusivamente ao seu cargo"

Dende o Centro de información á Muller (CIM) de Carballo infórmase de que até o día 30 de maio está aberto o prazo para solicitar as "Estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas". Poderán optar a elas todas aquelas mulleres que estean soas (separadas, divorciadas, solteiras, viúvas) e que teñan fillos/as ao seu cargo con idades comprendidas entre os dous e os doce anos. Os ingresos da unidade familiar non poderán ser superiores ao salario mínimo interprofesional. As mulleres escollidas e os seus fillos/as poderán desfrutar dunha estadía de entre sete e dez dias, entre finais de xuño e mediados de setembro, con todos os gastos pagados. As persoas interesadas poden obter máis información no CIM situado nas oficinas de Servizos Sociais na pranta baixa do Concello de Carballo o no teléfono 987 700 688. O horario de atención ao público é de 9.30 a 13.30 horas. Tamén é posible consultar o anuncio no DOG (Diario Oficial de Galicia) nunha ligazón neste mesmo aviso.

INTERESAD@S CONTACTAR CON IMPRENTA EUROPA

O Concello informa de que comeza o prazo para que as empresas interesadas contraten a súa publicidade na Revista de San Xoán 2013

A Comisión de Festas de San Xoán 2013 vén de contratar á empresa Imprenta Europa para que se encargue da xestión e contratación dos anuncios da Revista das festas de deste ano. A empresa adxudicataria está iniciando xa os traballos de captación de anunciantes con chamadas telefónicas e visitas a numerosas empresas. A Comisión de Festas leva publicando de forma continuada dende hai máis de 20 anos a revista das festas de San Xoán. Esta publicación inclúe o programa das festas, artigos de opinión e colaboracións de numerosos profesionais ou afeccionados á escritura da comarca, tanto sobre temas de interese xeral para Carballo como de carácter literario. O interese do contido, así como, o coidado da edición da revista, fai que esta sexa coleccionada por moitos carballeses. A revista distribúese entre os anunciantes e pódese mercar nos días previos ás festas. A publicidade que se inclúe na revista é unha importante fonte de financiamento para as festas de San Xoán, por todo isto a Asociación Cultural San Xoán, organizadora das festas, solicita a colaboración das empresas anunciadoras e agradece de antemán a súa boa disposición e implicación nun dos eventos máis importantes de Carballo e unha das festas máis relevantes da comarca. As empresas que estean interesadas en colaborar coas Festas de San Xoán e anunciarse na revista, poden poñerse en contacto con Imprenta Europa.

DO 5 AO 17 DE ABRIL

Aberto a partir do 5 de abril o período de reserva de praza para a admisión do alumnado en centros de 2º ciclo de Educación Infantil, de Primaria, de ESO e de Bacharelato

O Concello de Carballo informa de que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de Educación Infantil, de Educación Primaria, de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e de Bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Segundo o calendario da administración autonómica, os prazos son os seguintes:
  • Reserva de praza: do 18 ao 22 de marzo
  • Publicación de vacantes: 4 de abril
  • Presentación de solicitude de admisión: do 5 ao 17 de abril
  • Presentación da documentación xustificativa: do 22 de abril ao 3 de maio
  • Publicación das listaxes provisionais de admitidos en non admitidos: até o 10 de maio
  • Publicación das listaxes definitivas: antes do 31 de maio
  • Formalización de matrícula en Educación Infantil e Educación Primaria: do 20 ao 30 de xuño
  • Formalización de matrícula en ESO e Bacharelato: do 25 de xuño ao 10 de xullo
  • Prazo extraordinario de matrícula ESO e Bacharelato: do 1 ao 10 de setembro

Os interesados e interesadas poden consultar toda a documentación relacionada, así como a Orde do 12 de marzo ao completo, o calendario e os formularios de solicitude nunha ligazón neste mesmo aviso.

Buscador:



© Concello de Carballo, 2009