Concello de Carballo

Logotipo Concello de Carballo

Avisos

CITA PREVIA NO 902 30 90 00

A Unidade Móbil da ITV para turismos visita o Parque Empresarial de Bértoa do 11 ao 13 de maio de 2015

ITV
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Seguridade e Tráfico que dirixe Xose Regueira, informa de que os días 11, 12 e 13 de maio de 2015 a Unidade Móbil da Inspección Técnica de Vehículos (ITV) para Turismos estará situada no polígono de Bértoa, a carón do campo de fútbol de As Eiroas. O horario de atención ao público para realizar a inspeccións é de 9.00 a 13.30 e de 15.15 a 18.00 horas, agás o día 13 de maio, en que é de 9.00 a 13.30 horas. Asignarase día e hora de atención directamente na Unidade Móbil desde o primeiro día de chegada á vila, ou tamén chamando previamente ao teléfono 902 30 90 00 ou na páxina web <www.sycitv.com> no apartado de "Cita previa".

INSCRICIÓNS E MÁIS INFORMACIÓN NO 981 709 013

Aberto o prazo para anotarse nun Curso gratuíto de actualización de comercio que terá lugar a partir do luns 27 de abril no Fórum Carballo

A Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira organiza un Curso gratuíto teórico-práctico de actualización de comercio. A data de inicio será o 27 de abril e constará dunha parte de formación presencial no Fórum Carballo (semana do 27 ao 30 de abril e os días 18, 27 e 28 de maio) e unha parte práctica que se desenvolverá nos propios comercios participantes. Os temas que se tratarán neste curso serán, entre outros: a distribución do mobiliario; a implantación do produto; a imaxe de marca; a realización de escaparates; a fidelización de clientes; ou a análise da competencia. Os interesados e interesadas deben descargar e cubrir a ficha que consta neste mesmo aviso e remitila a <paulalema@carballo.org>. Tamén é posible recibir máis información no teléfono 981 709 013. Tamén pode obterse máis información e formalizarse a inscrición no Fórum Carballo en horario de oficina.

ENTRE AS 10.00 E AS 13.00 HORAS

Cruz Vermella organiza un Curso de Manipulador de Alimentos que terá lugar no Fórum Carballo o sábado 25 de abril

Cartel
Cruz Vermella organiza un Curso de Manipulador de Alimentos que terá lugar o sábado 25 de abril no Fórum Carballo e que contará con tres horas de duración entre as 10.00 e as 13.00 horas. O prezo da actividade é de 20 euros, cun 10 por cento de desconto para desempregados, socios da entidade, voluntariado e estudantes. Os interesados e interesadas poden formalizar a inscrición no web de Cruz Vermella, clicando aquí. Os obxectivos da cita son dotar os asistentes dos coñecementos e normas básicas necesarias para a manipulación de alimentos; adquirir os coñecementos sobre perigos alimentarios e as medidas preventivas para o seu control; coñecer as principais enfermidades de orixe alimentaria, axentes causais, vehículos de transmisión, factores limitantes, cadro clínico e medidas de prevención.

INSCRICIÓNS ATÉ O MÉRCORES 29 DE ABRIL

O Concello informa de que está aberto o prazo para anotarse na terceira edición do Día do Pequebasket, no que participan cativos e cativas de entre 5 e 8 anos

Cartel
O Concello de Carballo informa de que o luns 6 de abril abriuse o prazo de inscrición para anotarse no III Día do Pequebasket, aínda que xa son numerosos os clubs que se interesaron pola iniciativa.O equipo organizador leva varias semanas traballando na programación da xornada lúdica, festiva e deportiva que se celebrará o Día das Letras Galegas, 17 de maio, que xa está considerada como un evento de referencia autonómica e que mesmo está sendo imitado en outros lugares de dentro e fóra de Galicia. Nesta terceira edición barállase a posibilidade de contar con equipos de fóra da comunidade autónoma e incluso procedentes do Norte de Portugal. . A Escola Basket Xiria espera reunir o vindeiro 17 de maio en Carballo a máis de 500 nenos. A inscrición pode formalizarse a través da Federación Galega de Baloncesto, descargando no web <www.diapequebasket.es> a ficha de inscrición que unha vez cuberta debe enviarse ao correo da FEGABA <> antes do mércores 29 de Abril.

PRIMEIRA QUENDA: ENTRE FEBREIRO E AGOSTO

Aberto até o 18 de maio o prazo para solicitar as prazas para a segunda quenda do programa de Termalismo Social do Imserso

A Concellaría de Igualdade e Benestar do Concello de Carballo informa de que está aberto o prazo para anotarse no programa de Termalismo Social do Imserso. A través desta iniciativa, o Estado español proporciona aos pensionistas que por prescrición facultativa precisen os tratamentos que se ofrecen no programa e que reúnan determinados requisitos, o acceso a prezos reducidos nos establecementos de termalismo.

Poden ser beneficiarios deste programa os cidadáns españois que cumpran as seguintes características:

  • Ser pensionista do Sistema da Seguridade Social polos conceptos de xubilación ou invalidez, en todo caso, e polo concepto de viuvedade ou doutras pensións, unicamente cando a persoa beneficiaria teña cumpridos os 60 anos de idade. Igualmente, poderán ser beneficiarios/as os/as españois residentes no exterior, sempre que perciban unha pensión pública, teñan máis de 60 años e cumpran cos demais requisitos.
  • Non padecer trastornos mentais graves que poidan alterar a normal convivencia nos establecementos, nin enfermidade infecto-contaxiosa.
  • Poder valerse por si mesmo.
  • Precisar os tratamentos termais solicitados e carecer de contraindicación médica para a súa recepción.
  • Realizar a solicitude no prazo indicado na convocatoria e acadar, nos baremos establecidos para o expediente, a puntuación que lle permita acceder a un dos balnearios e quendas solicitados.
  • A persoa solicitante poderá ir acompañada do seu cónxuxe ou da persoa coa que conviva en relación de parella, para a que non se esixe a obriga de percibir pensión da Seguridade Social.

A Resolución de convocatoria para 2015 recolle dous prazos para a presentación de solicitudes. Para as quendas dos meses de febreiro e até agosto, ambos inclusive:

  • Con prioridade na adxudicación de praza: até o 16 de xaneiro de 2015.
  • Para a súa inclusión na orde que corresponda, na Listaxe de Espera de Prazas: até o día 18 de maio de 2015.

Para as quendas dos meses de setembro a decembro, ambos inclusive:

  • Con prioridade na adxudicación de praza: até o día 18 de maio de 2015.
  • Para a súa inclusión na orde que corresponda, na Listaxe de Espera de Prazas: até o día 30 de outubro de 2015.

A adxudicación de prazas efectúase de acordo coa puntuación obtida polos expedientes, tendo en conta os balnearios e as quendas solicitadas. A resolución adoptada notifícase por escrito a todas as persoas solicitantes. Os interesados e interesadas en obter máis información, poden facelo na páxina web do Imserso. Tamén é posible descargar o impreso de solicitude, o documento coa listaxe de balnearios cos prezos ou un folleto informativo, clicando aquí. Para obter máis información tamén é posible contactar cos Servizos Sociais do Concello, Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n (Edificio do antigo Ambulatorio) ou no teléfono 981 704 706 en horario de oficina.

ESTÁ DIRIXIDO A TODA PERSOA VINCULADA Á ADMINISTRACIÓN LOCAL GALEGA

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade abre o prazo até o 12 de maio para participar no programa Vacacións con Traballo

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade convoca un ano máis, e xa van dez, o programa Vacacións con Traballo cun total de sete prazas ás que poden optar traballadores en activo que estean vinculados á administración local galega e cuxos concellos sexan socios do Fondo Galego -como é o caso do Concello de Carballo-. As estadías, dun mes de duración, realizaranse en Cabo Verde, Nicaragua e Honduras. Vacacións con Traballo é un programa de sensibilización dirixido ás/aos traballadoras/es da administración local galega, como banco de recursos humanos heteroxéneo, con experiencia e de calidade. As/os participantes son seleccionadas/os tras un proceso de observación dos seus CV e cartas de motivación, de maneira vinculada ao perfil profesional que solicitan os parceiros do Sur. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 24 de marzo ao 12 de maio. A resolución da convocatoria farase pública antes do 27 de maio por parte da Comisión Executiva do Fondo Galego tras unha primeira avaliación da Secretaría (Igadi). Ao respecto da praza de Honduras, Enxeñería sen Fronteiras Galicia será a entidade encarregada da selección en colaboración co Fondo Galego. Os interesad@s en obter máis información, poden descargar un díptico informativo en pdf neste mesmo aviso.

O PXOM ESTÁ PENDENTE DA APROBACIÓN DEFINITIVA DA XUNTA

O Concello pon a disposición da veciñanza o documento para a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no web municipal

Os veciños e veciñas e todos os interesados e interesadas xa poden consultar no web municipal a documentación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O pleno da corporación apoiou por unanimidade a aprobación provisional do PXOM do Concello de Carballo nunha sesión extraordinaria celebrada o luns 2 de febreiro de 2015. Porén, este plan non será executivo ata a aprobación definitiva por parte da Xunta de Galicia. En todo caso, o Concello pon a disposición dos interesados e interesadas o documento para a aprobación provisional, que pode consultarse nunha ligazón dispoñible máis abaixo neste mesmo aviso.

*Para poder acceder aos arquivos, recoméndase que se descarguen os documentos en pdf antes de abrilos, debido a seu elevado peso.

Buscador:



© Concello de Carballo, 2009